50 traxes tradicionais galegos desfilarán este venres na pasarela 'Co pano de namorar na faldriqueira'
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido
'Co pano de namorar na faldriqueira' é o nome escollido pola asociación etnográfica Sete Espadelas para a segunda edición da pasarela que se realizará con traxes galegos na Praza de España, ante o antigo Concello, este venres 1 de outubro a partir das 21.00 horas.
Yoya Blanco, concelleira de Promoción Económica, acompañada por David Quiñones e José Luis Rodríguez, presidente e tesoureiro da asociación organizadora, presentaba este evento que será de entrada libre ata completar a capacidade do recinto valado para este desfile e o público deberá cumprir as medidas sanitarias.
Esta pasarela desenvólvese despois de transcorrer catro anos da primeira. David Quiñones destacaba a ilusión que lles produce este emprazamento para que os traxes ofrezan unha imaxe espectacular. Ao realizarse pola noite, as luces tamén farán brillar as cores e adornos das pezas, sinalaba José Luis Rodríguez, que lembrou que aos galegos se nos recoñece pola indumentaria, "que forma parte de nós".
Sete Espadelas conta con 150 persoas asociadas que achegan pezas das súas coleccións e das arcas dos seus antepasados. Nesta pasarela veranse cincuenta modelos de todas as idades, desde menores a persoas de avanzada idade con traxes, entre outros, de cotío, de domingar, de garda e unha selección deles, sinalaron os promotores, recibiron premios no concurso do 'Día do enxalzamento do traxe galego', que se celebra en Santiago.
No inicio do acto, a asociación Os de Algures interpretará varias pezas tradicionais. A concelleira Yoya Blanco pediu aos asistentes que despois acudan aos establecementos da contorna e que consuman na hostalería pontevedresa. En caso de choiva, o acto trasladaríase ao sábado 2 á mesma hora e no mesmo espazo. Tamén o domingo, Os de Algures e Sete Espadelas ofrecerán un espectáculo no Teatro Principal.
Relacionadas:
-
Os de Algures celebran no Principal unha década de actividades musicais e artísticas
Por Redacción |
-
A chuvia tamén goza da espectacularidade dos traxes tradicionais de Sete Espadelas
Por Redacción |
-
Nove premios máis para a asociación Sete Espadelas no certame do Día do Enxalzamento do Traxe Galego
Por Redacción |
-
Sete Espadelas representa a Galicia no I Festival Multimedia de indumentaria tradicional de Zamora
Por Redacción |
-
Música e pasarela de traxes tradicionais, a combinación perfecta de Os de Algures con Sete Espadelas
Por Mónica Patxot & Redacción |
-
Os traxes tradicionais de Sete Espadelas exhíbense nos escaparates das galerías da Oliva
Por Redacción |