Mil gaiteiros ocuparán Pontevedra o vindeiro domingo 27 na final da Liga de Bandas de Gaitas
![Redacción](/web/cache/scene/uploads/xornalistas/foto/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjSxUqrKz891Lsov0DEyAC_/_Il61oA_/506490f5a15ce-c6ku5opwb5qbtijalxd0_reasonably_small.jpeg)
Por Redacción
A Avenida de Montero Ríos será o próximo domingo 27 de outubro o escenario para acoller preto de mil gaiteiros que disputarán a final da XXIII edición da Liga de Bandas de Gaitas. Esta final desenvolverase dende as 9:30 da mañá ata as 14 horas.
Neste encontro participarán máis dunha vintena de bandas de gaitas procedentes de Galicia e do resto de España que competirán para optar ao premio de mellor banda nas catro categorias establecidas.
Trátase da primeira vez que esta final se desenvolve na provincia de Pontevedra, a pesar de acoller fases iniciais en anteriores edicións. Hipólito Cabezas, o presidente da Federación Galega de Bandas de Gaitas e director da Escola de Gaitas de la Deputación de Pontevedra, que promove este evento, asegura que se trata do acontecemento máis importante relacionado coa gaita en Galicia, tanto pola cantidade de gaiteiros que move coma pola calidade dos participantes.
Durante a mañá do domingo, as bandas farán a súa actuación ao aire libre, desfilando e formando círculos ao tempo que interpretan as pezas que seleccionan para cada ocasión. Un total de dez xuíces puntuarán a cada banda en función de cinco apartados: percusión, estética, afinación, conxunto e gaita.
O acto estaba previsto para o mes de xullo pero foi aprazado con motivo do accidente ferroviario de Angrois.