Máis de mil gaiteiros toman a Deputación
Por Redacción
Os mellores gaiteiros da Galicia interior e exterior chegarán á cidade o vindeiro sábado 27 de xullo. Serán máis de mil músicos e virán para participar na fase final da XXIII Liga Galega de Bandas de Gaitas. O acto non ten antecedentes en Pontevedra, pois é a primeira vez que a final se celebra na capital nos 23 anos de liga
O acto presentárono este mércores a deputada provincial Ana Isabel Vázquez e o presidente da Federación Galega de Bandas de Gaitas, Hipólito Cabezas, que indicaron que os gaiteiros se congregarán a partir das 17.00 horas na avenida de Montero Ríos, xusto diante do Pazo da Deputación Provincial.
Ana Isabel Vázquez insistiu en que o evento contribúe a "poñer en valor o noso folclore, a nosa cultura e a nosa música". Hipólito Cabezas fixo fincapé en que se trata "do evento ao redor da gaita máis importante que se fai en Galicia, pola cantidade de xente e participantes que move" e que proceden das catro provincias e de centros galegos de Portugal, Madrid e Cataluña.
Para dar cabida ao numeroso público que se agarda que asista a este espectáculo, está prevista a instalación de bancadas con capacidade para 1.400 persoas, así como a emisión en directo do encontro a través dunha pantalla LED xigante.
As bandas farán a súa actuación ao aire libre, desfilando e formando círculos, ao tempo que interpretan as pezas que seleccionasen para esta ocasión. Os xuíces, un total de dez, terán que puntuar a cada banda en función de cinco apartados: Gaita, Percusión, Estética, Afinación e Conxunto.