Iván Santos, o gaitero da Peregrina: "A gaita non está limitada, o que está limitado é o gaiteiro"
Por Anxo Lourido
Chámase Iván Santos e é natural de Mogor en Marín. Durante os últimos meses converteuse nun personaxe habitual do centro de Pontevedra. Coa súa camiseta do Celta de Vigo e a súa gaita, Iván encárgase de se converter no fío musical para todo aquel que se atopa nas proximidades á Praza da Peregrina. Hai quen o felicita por iso e hai quen non o soporta. Un paseante comenta: "Me compadezco de los trabajadores del banco y de la asesoría" facendo referencia a dous dos negocios ante os que o gaiteiro interpreta a súa particular música.
"Non interpreto só música galega coa gaita, tamén toco heavy metal, un pouco de tecno... fago algo variado" indica este simpático músico ambulante, "a gaita non só é para muñeiras, jotas e alalás. Podes facer un montón de cousas con ela. Vale para todo. E ademais tenme dito David Spillane, o mellor gaiteiro do mundo, que a gaita non está limitada o que está limitado é o gaiteiro. Hai quen di que non podes tocar un tema ruso e si que podes. Coa gaita galega podes facer todo pero, as veces, o músico é o que está limitado".
A súa idea é innovar e probar fórmulas sonoras malia que recoñece que sufriu algunhas críticas de veciños e traballadores da zona: "Algunha vez me ten pasado, teño que dicir a verdade. Dinme que están traballando. Tamén hai un home aquí arriba que agora está de vacacións pero sofre de jaqueca e cando sei que está marcho para a banda de alá. Tamén teño outro amigo que vive aquí, este vai de farra e sempre me di, polas mañás, xa estás coa puta gaita!!! pero en plan ben. Ao final, non hai problema". Ademais vai cambiando de auditorio. A veces toca na Praza de Curros Enríquez, outras en Méndez Núñez e tamén ante a Fonte dos nenos. "Hai que ir cambiando porque algunha xente protesta. Importa como se teñan levantado pola mañá. Iso inflúe moito", asegura como un artista que coñece ben o seu público.
Iván Santos ten 35 anos e leva dende os 5 tocando o instrumento tradicional de Galicia. Cumpre cun horario de traballo. A súa xornada comeza ás 10 da mañá e prolóngase ata as 13 horas. Durante as tardes, toca durante catro horas como mínimo. Négase a confesar cantos cartos ingresa ao día pero recoñece que "Podes vivir decentemente. Dáche para comer, para calzarte, para vestirte e para axudar tamén os pais na casa". Unha paseante achégase e lanza unha moeda na bolsa que ten a modo de gorra petitoria. "Moitas gracias, señora" contesta Iván educadamente.
"Outras veces toco en Marín", engade o gaiteiro. "Hai que cambiar porque estar sempre no mesmo sitio non está ben. Entonces marcho para Cangas ou vou a Bueu. Sempre vou onde hai mercadillo e alá onde vou a xente está moi agradecida. Ademais aquí en Pontevedra hai moito turismo tamén. Iso axuda moitísimo. Hai xente de Inglaterra, Escocia, alemáns, de Huelva, de Alicante, Valencia e están encantados con isto... a gaita encántalles!".
"Desafinar? A veces co calor e co frío hai momentos en que o instrumento se desafina"
O músico tamén ofrece explicacións a aqueles que lle din que, en ocasións, soa mal: "Desafinar? A veces co calor e co frío hai momentos en que o instrumento se desafina. Entre abrir e cerrar, as palletas se desafinan. Inflúen moito as temperaturas. Tés que cambiar de palleta e de punteiro. As veces teño problemas de afinación moi grande cando vén o cambio de tempo é brutal. A xente que entende xa me di isto está un pouco alto ou un pouco baixo, eu destapo e subo ou baixo. Pero, despois, eu intento facer as cousas o mellor posible".
Malia que Iván pasa moitas horas na rúa nunca tivo problemas de altercados nin cos axentes da autoridade: "A única vez que a policía me dixo iso foi porque había unha festa e porque a xente dos comercios quería que a gaita soara por moitos sitios e fun facendo o percorrido, quince minutos aquí, quince minutos alá. O músico con bos modales non ten problemas coa policía. Coñezo un axente que é de Marín, vai coa moto e, as veces, para e bótame cartos".
LONGA TRAXECTORIA
Os seus inicios musicais foron co pai Marino no colexio dos Padres Paules e despois, con 8 anos, comezou a tocar en Refaixos de Mogor. Co tempo fichou por Airiños de San Xulián, unha banda de Marín coa que percorreu Galicia e boa parte de Portugal. Agora tamén imparte clases en Santa Cecilia a mozos aos que quere contaxiar o seu entusiasmo pola gaita: "E estou pensando en ir a Inglaterra onde estiven alá tres anos e medio e teño unha pequena banda que fusiona música folk con heavy metal".
Agora coa chegada da chuvia, Iván promete continuar animando a rúa: "Menos mal que hai soportais por aí e voume meténdome debaixo porque se non, destrozas a garganta". E entón queda mirando a gaita que repousa sobre o seu ombreiro esquerdo: "Encántame. ÿ a alma da nosa terra, meu".