Pontevedra homenaxeará a figura do arquitecto Sesmero con motivo do centenario da súa morte
Por Redacción
En 1913 falecía en Arxentina, Alejandro Rodríguez-Sesmero, un arquitecto que deixou a súa pegada na cidade de Pontevedra durante os once anos nos que estivo a traballar como mestre de obras do Concello. Durante este período planificou de xeito brillante a cidade e asinou algúns dos edificios máis importantes do centro urbano. O edificio do Pazo de las Mendoza, o da Casa Consistorial ou o da Deputación son algunhas das numerosas mostras do seu talento. Pero a súa obra está tamén relacionada coa primeira traida da auga e do ensanche da cidade máis alá da vila amurallada.
O concelleiro de Urbanismo, Antón Louro, presentou os actos para homenaxear, recoñecer e reivindicar a figura de Sesmero un século máis tarde do seu falecemento.
O programa considera unha exposición temporal na Avenida de Santa María fronte ao Pazo de las Mendoza que comezará o 22 de outubro e se prolongará durante un mes. Desenvolveranse "roteiros escolares" para colexios públicos. O 30 de outubro terá lugar no Café Moderno unha conferencia do bisneto, Francisco José Portela Sandoval, primo do arquitecto pontevedrés César Portela que presentará o acto.
O 8 de novembro, o historiador Xosé Fortes, o arquitecto Enrique Barreiro e o propio Antón Louro intervirán nunha mesa redonda que se centrará na historia, actividade arquitectónica e política de Sesmero. Será tamén no Café Moderno.
O programa concluirá o 16 de novembro cun Roteiro Sesmero que contará co xornalista Rafael López Torre como guía.
Relacionadas:
-
Nace o Memorial Sesmero, unha homenaxe anual a unha figura do urbanismo ou as belas artes
Por Redacción |
-
Preto de 500 escolares participaron no roteiro dedicado a Alejandro Rodríguez-Sesmero
Por Redacción |
-
A estrea do mural "A pegada de Sesmero" abre o ciclo dedicado ao arquitecto que modernizou Pontevedra
Por Redacción |