Preto de 500 escolares participaron no roteiro dedicado a Alejandro Rodríguez-Sesmero
Por Redacción
O "Centenario Sesmero", o programa de actos deseñado para rememorar os 100 anos do pasamento dun dos técnicos máis transcendentes na historia da cidade, chegará ao seu fin a finais deste mes. En total, máis de 475 escolares terán participado nun roteiro que comeza diante do mural sobre A pegada de Sesmero e fai un percorrido polos distintos edificios e espazos urbanos proxectados polo prolífico arquitecto entre os anos 1876 e 1887.
Nos últimos días, puideron gozar ou van gozar desta oferta os alumnos de Campolongo, San Martiño, San José, Xunqueira 1, Xunqueira 2, Vidal Portela e Barcelos. Os colexios tamén teñen recibido uns cadernos-ficha con actividades educativas relacionadas coa obra de Sesmero. Unha publicación sinxela, pero cun deseño moi atractivo que busca entreter e formar.
Desde o Concello de Pontevedra, Antón Louro asegurou estar moi satisfeito polo desenvolvemento deste programa conmemorativo do Centenario Sesmero: o arquitecto que modernizou Pontevedra. A cidade "pagou así unha débeda" co técnico que deseñou e dirixiu as obras da Casa Consistorial e outros edificios públicos e privados, proxectou a contorna da Alameda e tamén o ensanche alén das murallas medievais.
Estímase que en torno a un milleiro de persoas participaron directamente nalgún dos actos, pois aos 475 escolares cómpre sumar os asistentes ás dúas conferencias e ao roteiro para adultos organizado en colaboración co Ateneo. Todas estas actividades superaron as expectativas de participación.
A difusión sobre a figura de Alejandro Rodríguez-Sesmero completouse coa instalación do gran mural da avenida de Santa María, contemplado ao longo deste mes por milleiros de persoas. O elemento será desmontado a finais deste mes, poñendo así fin ao centenario.
Relacionadas:
-
Proxectan recuperar a imaxe "maxestosa e nobre" da Alameda do século XIX
Por Redacción |
-
Nace o Memorial Sesmero, unha homenaxe anual a unha figura do urbanismo ou as belas artes
Por Redacción |
-
A estrea do mural "A pegada de Sesmero" abre o ciclo dedicado ao arquitecto que modernizou Pontevedra
Por Redacción |
-
Pontevedra homenaxeará a figura do arquitecto Sesmero con motivo do centenario da súa morte
Por Redacción |