Nace o Memorial Sesmero, unha homenaxe anual a unha figura do urbanismo ou as belas artes
Por Redacción
O Ateneo de Pontevedra e o Concello de Pontevedra colaborarán para homenaxear, con periodicidade anual ou bianual, a unha figura clave da arquitectura, o urbanismo ou as belas artes, que teña contribuído decisivamente ao prestixio ou ao desenvolvemento da cidade de Pontevedra.
O acto levará como nome xenérico 'Memorial Sesmero', seguindo así a estela dos actos do centenario do "arquitecto que modernizou Pontevedra", recordou o concelleiro Antón Louro. O Ateneo será a entidade que coordine esta programación, coa que se pretende contribuír tamén ao propio coñecemento da cidade a través das persoas que traballan ou traballaron pola súa significación.
A idea, explica o concelleiro socialista, é dar continuidade ao legado de Alejandro Rodríguez-Sesmero nas persoas (tanto vivas como falecidas) que despois del teñen contribuído tamén a prol dunha Pontevedra mellor. Un proxecto conxunto do Ateneo e o Concello que busca tamén evitar a indiferenza ou o esquecemento para aqueles que, como Sesmero, merecen o coñecemento e recoñecemento público.
O Memorial será sempre no mes de outubro e comezará durante este mesmo ano. O Ateneo e o Concello están a traballar na designación da primeira persoa galardoada, que se anunciará probablemente durante a próxima semana.
Non se trata, matiza Louro, da entrega de ningún premio físico, senón da organización dun programa que incluirá conferencias, exposicións e visitas sobre a obra dunha persoa relevante e que teña actuado tanto en Pontevedra como no exterior e se teña configurado como un referente nos eidos do urbanismo, a arquitectura e o paisaxismo, incluíndo tamén todo o espectro das belas artes.
Relacionadas:
-
Culmina o I Memorial Sesmero cun libro sobre a obra de César Portela
Por Redacción |
-
César Portela: "Pontevedra es una ciudad que tiene condiciones fantásticas, pero no se aprovechan del todo"
Por Alejandro Espiño & Mónica Patxot |
-
O I Memorial Sesmero homenaxeará todo o mes de outubro ao arquitecto César Portela
Por Redacción |
-
Preto de 500 escolares participaron no roteiro dedicado a Alejandro Rodríguez-Sesmero
Por Redacción |
-
A estrea do mural "A pegada de Sesmero" abre o ciclo dedicado ao arquitecto que modernizou Pontevedra
Por Redacción |
-
Pontevedra homenaxeará a figura do arquitecto Sesmero con motivo do centenario da súa morte
Por Redacción |