A Praza da Chan de Carballedo centrará o programa festivo de San Roque
Por Redacción
O Concello de Cerdedo-Cotobade avanza as actividades que vai desenvolver entre o 19 e o 23 de agosto, coincidindo coa celebración das tradicionais Festas de San Roque en Carballedo e que terán o seu epicentro na Praza da Chan.
A oferta cultural comezará o xoves 19 de agosto coa proxección da película "Cuñados", protagonizada polos artistas galegos de recoñecido prestixio no mundo do humor como José Antonio Touriñán, Miguel de Lira e Federico Pérez Rey. O pase terá lugar ás 21:30 horas no aparcamento da Chan e a entrada será gratuíta.
O programa continúa o venres 20 de agosto coa posta en escena da obra de teatro "Onte", na Praza da Biblioteca de Carballedo a partir das 20 horas. A entrada será gratuíta e haberá que respectar as medidas de seguridade sanitarias e o aforo previsto.
O sábado 21 de agosto será a quenda para os xogos e obradoiros na Praza da Chan de 16 a 20 horas. Esa mesma tarde, os amigos de camiñar poderán percorrer a ruta de sendeirismo saudable que ten como protagonista á parroquia de Carballedo, con saída prevista para as 18 horas.
O domingo 22 de agosto volve o teatro á Praza da Biblioteca de Carballedo ás 19 horas coa obra "Rosalía". Ás 21 horas tomará a remuda a "Charanga La Fraga", que converterá a Praza da Chan no seu escenario para ofrecer boa música e humor.
Pechará este programa festivo o concerto de "Broken Peach", que actuarán na Praza da Chan ás 20:30 horas o luns 23 de agosto.
Todas as actividades programadas polo Concello de Cerdedo-Cotobade para reforzar a celebración das Festas de San Roque de Carballedo desenvolveranse cun cumprimento estrito das medidas de prevención fronte á Covid-19 polo que desde o Concello lémbrase que os asistentes deberán vir provistos de máscaras, manter o distanciamento social e usar o xel hidroalcólico que estará para uso público nas distintas actividades programadas.