Chega a festa a Carballedo: San Roque e San Antón están aquí
Por Redacción
O próximo domingo 19 de agosto botan a andar as festas de Carballedo, parroquia que acolle a capital municipal de Cerdedo-Cotobade, e que centra os seus festexos en honrar a San Roque e San Antón.
Como xa é habitual, neste 2018 o programa estará centrado en actos relixiosos e musicais. Este xoves presentárono membros da comisión organizadora e o presidente municipal, Jorge Cubela, que quixo agradecer o seu esforzo "para que o San Roque luza como todos os anos e supoña un punto de encontro de toda a veciñanza".
O domingo 19 celebrarase o día de San Roque cun pasarrúas matinal e un concerto da Banda de Música de Tenorio como preludio á misa solemne, prevista para as 13.00 horas. Estará cantada pola Coral Polifónica de Campo Lameiro.
Xa pola noite, haberá verbena coas orquestras Televisión e Ángel América.
A segunda xornada de celebracións parroquiais será o luns 20, día de San Antón e festivo local en todo o Concello de Cerdedo-Cotobade. As actividades comezarán cun pasarrúas e concerto da Banda de Música de Campo Lameiro e unha misa solemne ás 13.00 horas. De novo, estará cantada pola Coral Polifónica de Campo Lameiro.
Ao remate deste oficio relixioso, producirase a tradicional entrega dos ramos dos maiordomos saíntes aos entrantes. Nesta ocasión, Alfonso José González Cuiñas, María Montserrat Álvarez Rodríguez, Jesús Robinat Valenciano e Beatriz Cuiñas Domínguez darán o testemuño a Eduardo Barros Quinteiro, Milagros Penelas García, Carlos Moledo Mendoza e María Angélica Mouriño de Castro.
Xa pola noite, os festexos despediranse cunha verbena con Miramar e Xacobeo.