"Os nosos instrumentos" percorren os colexios de Poio para promover a música tradicional
Por Redacción
Medio cento de nenos e nenas de Educación Infantil e Primaria achegáronse durante o mes de maio á música tradicional galega. Foi grazas ao programa Os nosos instrumentos, unha das actividades estrela do programa cultural Verbas en Flor.
Esta actividade foi impartida por Nelson Quinteiro, de Máis Cantos, e polo presidente da Escola de Acordeóns de Campelo, Juan José Mariño.
Durante estas sesións, Mariño amosou á rapazada os sons e melodías que se poden realizar cos acordeóns, mentres que Nelson Quinteiro afondou en cuestións como os ritmos tradicionais, a través de diferentes composicións e cantigas.
O obxectivo destes obradoiros foi ofrecer unha proposta de carácter formativo e divulgativo arredor da música tradicional do país, de xeito que os nenos e nenas puidesen familiarizarse co uso de instrumentos que xogan un papel vital na composición musical enxebre, como os acordeóns, as gaitas, o pandeiro ou a pandeireta.
As sesións comezaron o día 7 e finalizaron o 25 de maio e foron impartidas nos colexios de Espedregada (Raxó), Chancelas (Combarro), Isidora Riestra (San Xoán), Viñas e Lourido (San Salvador).
A actividade desenvolveuse cumprindo con todas as medidas de seguridade establecidas polas autoridades sanitarias por mor da pandemia da covid-19.
A edil de Cultura, Raquel Rodríguez, destacou que con estes obradoiros "ademais de manter viva a nosa tradición entre as novas xeracións tamén puxemos en valor o traballo que están a facer os nosos colectivos de música tradicionais".
Relacionadas:
-
Os 'maios' e a as Letras Galegas, eventos destacados na primavera cultural de Poio
Por Redacción |
-
Poio investiu preto de 140.000 euros nos centros educativos do municipio durante este curso
Por Redacción |
-
Instrumentos galegos percorrerán os colexios de Poio para poñer en valor a música tradicional
Por Redacción |
-
'Verbas en flor', o novo programa cultural de primavera en Poio
Por Redacción |