Instrumentos galegos percorrerán os colexios de Poio para poñer en valor a música tradicional
Por Redacción
Nenos e nenas de Educación Infantil e Primaria dos colexios de Poio vanse a achegar nas próximas semanas aos instrumentos galegos. Trátase dunha iniciativa que, enmarcada no programa municipal Verbas en Flor, busca poñer en valor a música tradicional.
Nelson Quinteiro, de Máis Cantos, e o presidente da Escola de Acordeóns de Campelo, Juan José Mariño, serán os encargados de impartir unha serie de obradoiros que se desenvolverán entre este xoves 7 e o vindeiro 25 de maio.
En canto á súa metodoloxía, Quinteiro impartirá as sesións pensadas para os máis cativos, aos que lles ensinará a familiarizarse cos ritmos máis tradicionais. Para iso, interpretará cantigas e usará instrumentos como o pandeiro, a pandeireta, cunchas e gaitas.
Pola súa banda, o alumnado de Primaria gozará coas clases de Juan José Mariño, centradas na linguaxe musical cos acordeóns.
O CEIP Viñas e o de Lourido serán os primeiros en estrear esta nova iniciativa impulsada desde a Concellería de Cultura e Educación. Posteriormente, o obradoiro trasladarase aos colexios de Chancelas, Isidora Riestra e Espedregada.
Este taller levarase a cabo cumprindo con todas as medidas sanitarias, de aforo e distanciamento que marcan as autoridades sanitarias neste contexto derivado da covid-19.
A edil Raquel Rodríguez amosou o seu desexo de que a actividade sirva para "manter viva a nosa tradición musical entre as novas xeracións" e, ao mesmo tempo, poñer en valor o gran labor que están a facer os colectivos locais de música tradicional.