'Verbas en flor', o novo programa cultural de primavera en Poio
Por Redacción
Arte, literatura, medio ambiente, memoria histórica, música ou tradición son só algúns dos eidos protagonistas do programa 'Verbas en Flor'.
Trátase dunha iniciativa que vive este ano a súa primeira edición e que está organizada pola Concellería de Cultura e Educación, en colaboración con outros departamentos como Normalización Lingüística e Memoria Histórica, ademais de contar tamén coa participación doutras agrupacións, centros educativos e entidades culturais.
Foi a concelleira responsable de área de Cultura, a nacionalista Raquel Rodríguez, a encargada de presentar a iniciativa este venres, no Centro Cultural Xaime Illa de Raxó, que, precisamente, será un dos principais centros neurálxicos do programa, ao acoller boa parte das citas.
Tal e como explicou a edil do goberno local, 'Verbas en Flor' aglutina preto dunha ducia de actividades, pensadas para toda a veciñanza, e que se desenvolven durante a primavera; é dicir, entre o actual mes de abril e xuño. Precisamente, algunhas das iniciativas da programación xa están en marcha.
Este é o caso, por exemplo, do obradoiro artístico Xardíns Colgantes, que se leva a cabo en diferentes centros educativos para conmemorar o Día da Terra, ou as actividades impulsadas desde a biblioteca municipal co gallo do Día do Libro, celebración que se conmemora hoxe, 23 de abril. Tamén se inclúe neste eido a exposición "O galego noutros mundos", que permanecerá aberta no Xaime Illa entre o 30 deste mes e o 18 de maio.
Ademais de incluír varias actividades novas, este programa tamén engloba eventos e citas de gran tradición. É o exemplo da Festa dos Maios, que este ano, ao igual que en 2020, adáptase á situación sanitaria provocada pola covid-19.
Así, Verbas en Flor conta con Maios á Rúa, unha iniciativa a través da cal se animará á veciñanza a que decore as fachadas das súas vivendas con cadeas e coroas de flores. Asemade, durante o mes de maio terá lugar unha das novidades do programa, que son os concertos didácticos "Os nosos instrumentos", unha cita a través da cal se quere por en valor a música tradicional nos centros educativos de Poio.
As Letras Galegas tamén ocupan un lugar destacado na programación, coa figura de Xela Arias, escritora á que se lle rende homenaxe este ano, como protagonista. Así, impulsarase un obradoiro de poesía no IES, cuxas obras estarán expostas no Xaime Illa entre o 10 e o 30 de maio. Ademais, o Xaime Illa acollerá varias actividades para lembrar á poetisa lucense
Por outra banda, tamén en maio se impulsará unha exposición organizada Concellería de Memoria Histórica.
Por último, Raquel Rodríguez explicou que Verbas en Flor tamén aposta por dar visibilidade a iniciativas impulsadas desde o tecido cultural da vila. Este é o caso de Un ronsel de historias, organizada pola Asociación Armadiña de Combarro e que, cada domingo de maio, se celebrará na Praza da Rualeira. Nee Barros, Eva Mejuto, Lara Dopazo e Chus Nogueira serán as convidadas.
O peche do programa será no mes de xuño, coa exposición dos xardíns colgantes deseñados polos centros educativos e outras iniciativas.
"Animamos á veciñanza a que tome parte destas iniciativas, que supoñen unha aposta pola nosa lingua, a nosa cultura e a nosa tradición nunha estación tan especial como é a primavera”, conclúe Raquel Rodríguez, á vez que agradece a implicación e colaboración de todas as asociacións e entidades.