O Museo de Pontevedra fai balance do seu primeiro ano con Consello Asesor
Por Redacción
O Consello Asesor do Museo de Pontevedra cumpre un ano de actividade, un ano que non estivo marcado só pola Covid, senón polos importantes proxectos iniciados pola institución museística.
De feito no recordo destes primeiros meses de actividade quedará o paso adiante co proxecto de rehabilitación dos edificios centrais, así como coa construción dun novo inmoble en Valdecorvos, a aprobación dunha nova imaxe corporativa e, máis recentemente, a adquisición definitiva do 'Álbum Nós' de Castelao.
"O Museo de Pontevedra ten un atractivo grandísimo e merecía asesores de grande currículo e valía individual, unha mestura de persoas novas e de idade, de miradas de mulleres e homes que están a enriquecer á institución e facéndoa máis grande de cara ao futuro, incorporando unha maior participación social e acadando unha maior independencia", sinala o vicepresidente da Deputación, César Mosquera.
O Consello estivo formado desde a súa creación pola arqueóloga Beatriz Comendador, o empresario de industrias culturais Kin Martínez, a directora de Esdemga Lola Dopico, a artista Menchu Lamas, o crítico de arte Ramón Rozas, a arquitecta Teresa Táboas e o pedagogo e escritor Xaime Toxo.
Os seus integrantes tiveron que afrontar neste ano Covid-19 media ducia de reunións presenciais e telemáticas para tratar temas chave para o futuro do Museo e para botar a andar o Plan Xeral de Acción do Museo presentado polo seu actual director, Xosé Manuel Rey, a cinco anos vista.
En canto aos proxectos iniciados, a proposta para renovar os edificios centrais conectándoos mediante un gran soto atópase actualmente en fase administrativa coa aprobación da modificación do Peprica e de redacción do proxecto. Tamén está en fase de deseño o deseño da construción do novo edificio de Valdecorvos que albergará as coleccións de arqueoloxía.
Ademais na súa reunión do 30 de setembro aprobouse a definición de criterios para as compras, doazóns e legados, pola falta de espazo do Museo, dando o visto e prace ao actual novo protocolo de incremento patrimonial, que rexerá desde agora reducindo a subxectividade da toma de decisión e destacando que non se admitirán desde agora condicións ás doazóns e depósitos que se fagan no futuro.
Relacionadas:
-
Teresa Táboas, seleccionada para integrar o Consello da Unión Internacional de Arquitectos
Por Redacción |
-
Castelao dará nome ao Sexto Edificio do Museo de Pontevedra
Por Alejandro Espiño & Mónica Patxot |
-
O Museo de Pontevedra faise coa propiedade do Álbum Nós de Castelao
Por Mónica Patxot & María José Pita |
-
O Museo racionalizará as compras de pezas e as doazóns e depósitos que recibe
Por Redacción |
-
Pontevedra e o Museo afondan máis na súa simbiose cunha nova imaxe corporativa que representa á propia cidade
Por Mónica Patxot & Natalia Puga |
-
O estudo xeotécnico é "favorable" para conectar baixo un grande soto os edificios centrais do Museo
Por Redacción |
-
Comeza a roza da parcela de Valdecorvos que albergará o novo edificio de Arqueoloxía do Museo
Por Redacción |
-
Sete especialistas para un Consello Asesor que afaste ao Museo Provincial dunha dirección "excesivamente personalista"
Por Natalia Puga & Cristina Saiz |