Sete especialistas para un Consello Asesor que afaste ao Museo Provincial dunha dirección "excesivamente personalista"
Por Natalia Puga & Cristina Saiz
A directora de Esdemga, Lola Dopico; a arqueóloga Beatriz Comendador; o crítico de arte Ramón Rozas; a arquitecta Teresa Táboas; o empresario fundador de Esmerarte Joaquín Martínez, Kin; a artista Menchu Lamas; e o pedagogo e escritor Xaime Toxo. Son os sete vogais do novo Consello Asesor do Museo de Pontevedra, que a partir deste xoves empezarán a traballar para achegar ideas, cada un desde a súa óptica, para o funcionamento da institución cultural.
Os novos integrantes xa mantiveron este xoves unha xuntanza de carácter informal e a partir de agora vanse reunir de forma periódica un mínimo de dúas veces cada seis meses. Segundo deu a coñecer o vicepresidente da Deputación Provincial, César Mosquera, responsable político do Museo, de cara ao próximo encontro xa levan "deberes": "pensar que ideas poden aportar" sobre novos edificios do Museo, a rehabilitación dos inmobles antigos ou a xestión da da institución. Ademais, teñen intención de que o seu traballo non se limite a esas 3 ou 4 reunións ao ano, senón que manteñan unha "comunicación permanente".
A presidenta e o vicepresidente da Deputación, Carmela Silva e César Mosquera, e o director do Museo, Xosé Manuel Rey, deron a coñecer os nomes dos sete este xoves nun acto no Sexto Edificio do Museo no que tamén estiveron presentes o secretario provincial, Carlos Cuadrado, e a directora de xestión, Sonia Mateos. Estiveron seis dos sete integrantes do novo Consello Asesor, todos salvo Beatriz Comendador, ausente por unha viaxe de traballo.
Xosé Manuel Rey lembrou que os museos españois tradicionalmente tiveron órganos colexiados de carácter consultivo e asesor que permitían "superar unha dirección de carácter excesivamente personalista" e que na actualidade contar con órganos asesores está considerado como unha "boa práctica" entre os especialistas de xestión de museos. El mesmo propuxo a creación deste novo Consello na memoria coa que se presentou para dirixir o Museo de Pontevedra e cre que é unha figura moi importante para a xestión da institución.
De momento, ningún dos presentes na presentación deron a coñecer as ideas das que parten os novos asesores porque "estamos empezando", pero o director do Museo si destacou que a institución está en proceso de paulatina renovación no que ten por diante retos vencellados coa busca dun maior compromiso social, co reforzo da participación cidadá e o fomento da inclusión e colectivos situados nas marxes do sistema museístico.
Ademais, teñen enriba da mesa obxectivos variados como acadar unha maior independencia da institución fronte ao control político, incorporar unha maior participación social, achegar miradas diferentes a través da súa composición diversa, e dotar á xestión global do Museo dun maior consenso por medio do acordo entre diferentes axentes sociais, interlocutores e expertos que o integran.
Tanto Rey como Mosquera e Silvia insistiron na pluralidade e variedade de perfís os novos vogais, que proceden de diferentes ámbitos e sectores do tecido cultural e todos eles teñen unha dilatada traxectoria profesional, e tamén coincidiron en destacar que o Museo de Pontevedra é unha referencia a nivel galego e estatal. O director está convencido de que con este novo Consello Asesor está en disposición de encarar con éxito os retos e desafíos aos que se enfrontará, "consolidando o seu liderado en Galicia e avanzando cara a unha proxección exterior maior".
César Mosquera destacou que o director do Museo, que propuxo os nomes do novo Consello Asesor, fixo unha "demostración de valentía e de ser listo e capaz" na súa proposta e que o Museo de Pontevedra confirmouse como unha institución cun "atractivo grandísimo", pois todas as persoas propostas aceptaron "á primeira e entusiasmadas".
Carmela Silva destacou o número de mulleres presentes no Consello Asesor, catro das sete prazas, e insistiu que con esta paridade faise posible que se combinen as "miradas feminina e masculina" sobre a cultura e a sociedade. Destacou, ademais, que é un grupo "territorialmente diverso", con vogais de toda a provincia e tamén naturais doutros puntos de Galicia, de maneira que traballará con "miradas de mulleres, de homes e do territorio".
"Non se podía ter feito un mellor Consello Asesor", destacou a presidenta da Deputación, que puxo sobre a mesa que os novos vogais "son xente que entende e que sabe da nosa historia e da nosa cultura, pero que tamén ten unha visión clara do que se demanda no século XXI dos Museos" e destacou que non hai nada máis político que a cultura, pero que os políticos "non estamos para influír, senón para que a cultura chegue a todos os espazos e ás administración públicas", de aí a importancia deste Consello Asesor.
Relacionadas:
-
Teresa Táboas, seleccionada para integrar o Consello da Unión Internacional de Arquitectos
Por Redacción |
-
O Museo de Pontevedra fai balance do seu primeiro ano con Consello Asesor
Por Redacción |
-
Convocan o proceso para renovar a identidade gráfica do Museo de Pontevedra
Por Redacción |
-
Contratan un estudo xeotécnico para comprobar a viabilidade da conexión subterránea entre os edificios do Museo
Por Redacción |
-
O Museo busca nova imaxe e quere fomentar ligazóns co Camiño Portugués
Por Cristina Saiz & Anxo Lourido |
-
O 2019 garda a lembranza de Antonio Fraguas, abre o futuro do Museo e deixa a pegada de James Rhodes e Rozalén
Por Diego Torrado & Mónica Patxot & Cristina Saiz & Anxo Lourido |
-
O PP presenta alegacións para evitar "inxerencias políticas" na elección do consello asesor do Museo
Por Redacción |
-
Sete persoas de perfil "absolutamente técnico" conformarán o Consello Asesor do Museo
Por Oskar Viéitez |
-
A Deputación converterá o Museo de Pontevedra nun organismo autónomo cun consello asesor
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot |