‘Ricardo Portela e Pontevedra’ será o tema dun faladoiro este xoves no Museo
Por Redacción
O Sexto Edificio do Museo de Pontevedra acollerá este xoves 17 de decembro ás 19.30 horas un faladoiro titulado ‘Ricardo Portela e Pontevedra’ no que se afondará na relación do ‘Gaiteiro de Viascón’ e coa cidade do Lérez.
No encontro, moderado polo produtor e historiador musical Ramom Pinheiro Almuinha, participarán Xosé Ferreirós do grupo Milladoiro, Xoán López, de Treixadura, e o músico e investigador Óscar Ibáñez. Tamén se realizará unha pequena actuación de homenaxe a cargo dos músicos Rafa Pazo, Francisco Estévez ‘Chuco’ e Gonzalo Caride.
Neste faladoiro trataranse os aspectos máis destacados da figura de Ricardo Portela, facendo fincapé na súa pegada na cidade de Pontevedra, onde fixou a súa residencia á volta da emigración, e na súa relación co Museo de Pontevedra.
O ‘Gaiteiro de Viascón’ creou escola e moitos dos recursos do seu persoal estilo permanecen vivos no xeito de tocar dalgúns dos gaiteiros máis recoñecidos da actualidade. O seu papel histórico foi imprescindible na dignificación da gaita e na conexión da tradición dos vellos gaiteiros coas novas xeracións, reivindicando e poñendo en valor o toque pechado, unha antiga técnica que esmorecía a finais do século pasado.
Con motivo das restricións de aforo motivadas pola COVID-19 é precisa inscrición previa. As persoas que desexen asistir deben remitir os seus datos persoais ao correo gabinetedidactico.museo@depo.gal.
Relacionadas:
-
Homenaxe a Ricardo Portela en Cerdedo-Cotobade no centenario do seu nacemento
Por Redacción |
-
Pontevedra reivindica a Ricardo Portela como "mestre de mestres" no centenario do seu nacemento
Por Alejandro Espiño & Mónica Patxot |
-
O Memorial Ricardo Portela homenaxea o papel da muller na conservación da música tradicional
Por Cristina Saiz & Redacción |
-
O Ano Ricardo Portela aprázase a 2021 pola situación sanitaria
Por Redacción |