Propostas de música celta, indie e world music para a banda sonora do luns pontevedrés
Por Cristina Saiz & Redacción
A banda sonora das festas da Peregrina segue soando, noite tras noite, desde tres recunchos de Pontevedra, con propostas e estilos musicais pensados para públicos diferentes e unha distribución das actuacións que evita as indeseadas aglomeracións en tempo de pandemia. Na noite deste luns, ademais, repetiuse o éxito de público de sábado e domingo a pesar de ser xa un día de semana e as cadeiras instaladas pola organización para seguir cada un dos concertos ocupáronse.
A noite empezou a caldearse ás 22.00 horas na praza da Ferrería con Laroá, banda que desde que se estreou no panorama musical galego en 2016 non deixou de gañar en adeptos. A súa proposta de world music encheu a céntrica praza con folk galego, ritmos cubanos, jazz e melodías africanas e ofreceu aos espectadores un espectáculo que non se limitou á música.
Media hora máis tarde, os acordes empezaron a soar de forma simultánea na praza de España con Óscar Ibañez e Tribo e nas pistas Campolongo con Eladio y los seres queridos.
Para gozar da actuación de Óscar Ibáñez houbo pontevedreses que encheron todas as cadeiras preparadas pola organización no recinto delimitado, pero tamén outros moitos que, respectando distancias e uso de máscaras, quedaron nas inmediacione para a proposta de música celta do gaiteiro pontevedrés.
Similares imaxes vivíronse nas pistas de Campolongo entre os fans de Eladio y los seres queridos, que coas súas cancións de indie pop conquistou ao público máis novo. Durante a actuación, a banda presentou o seu sexto traballo, 'Academia', toda unha oda á felicidade que pasa do pop máis clásico ao indie, o rock, o folk e a canción de autor.
A programación musical das festas da Peregrina continuará este martes con tres concertos nos mesmos lugares e ás mesmas horas. Ás 22.00 horas está programado na Ferrería o concerto de Talabarte e ás 22.30 as citas serán na praza de España con Os Xesteira e nas pistas Campolongo con Broken Peach.
Relacionadas:
-
RADIO.- Laroá reformula os seus 'Camiños' cun espectáculo máis grande e máis reivindicativo
Por Marisa Ciordia |
-
Laroá presenta 'Toutón' como primeiro avance do seu novo proxecto 'Camiños'
Por Marisa Ciordia |
-
A Unión de Músicos Profesionais pon a Pontevedra como exemplo de boa xestión sanitaria dos concertos
Por María José Pita |
-
A maxia continúa na Pedreira: de Pedro Volta ao Mago Teto
Por Cristina Saiz & Anxo Lourido |
-
Maxia, música, teatro, arte... e moito máis para que os máis pequenos tamén vivan as festas da Peregrina
Por Redacción & Cristina Saiz |
-
Cora Velasco, De Vacas e Leilía inundan de ambiente festivo toda Pontevedra
Por Redacción & Cristina Saiz |
-
Un verán cheo de música, arte e espectáculo, que "serven para combater o medo, a tristeza e a melancolía"
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |