A francesa 'Ne croyez surtout pas que je hurle', gañadora da edición 04 de Novos Cinemas
Por Redacción
Novos Cinemas despediuse ata o ano que vén tras seis días de proxeccións. Fíxoo anunciando o palmarés da súa cuarta edición, na que a película francesa Ne croyez surtout pas que je hurle de Frank Beauvais recibiu o premio á mellor longametraxe do festival.
Así o decidiu o xurado internacional de Novos Cinemas, formado pola produtora Lucero Garzón, o artista plástico Misha Bies Golas e Carlos Reviriego, director adxunto e de programación da Filmoteca Española, despois do visionado de todo os filmes a concurso.
O xurado elixiu Ne croyez surtout pas que je hurle (Non creas que vou a berrar) pola "honesta e abrumadora posta en abismo" dunha depresión persoal contada a través dun "abraiante caudal de cine-tolemia", que adquire un senso universal "do que é improbable saír incólume".
O angolano Carlos Conceiçâo foi recoñecido como o mellor director polo seu traballo na película Serpentàrio. Elixiuno o xurado novo, composto por cinco alumnos da Universidade de Vigo: Daniel Arana, Miriam Caminero, Sara López, Carmen María Pastoriza e Lara Castro.
No seu caso, concedéronlle o premio pola súa capacidade de introducir ao público no seu universo persoal a través dunha linguaxe "expresiva, poética e dunha gran riqueza formal"; por facelos partícipes da súa busca das raíces e pola amplitude da súa mirada, "que cuestiona a nosa forma de construír sociedades e identidades colectivas", segundo o xurado.
O director británico Mark Jenkin recibiu ademais unha mención especial pola produción que presentaba neste festival, o filme Bait, que foi destacado "pola súa sorprendente aposta formal, sobresaínte montaxe e deseño sonoro". Esta película recibiu o Premio do Público, outorgado polos asistentes ao festival cos seus votos.
Na sección Latexos, o segundo programa a concurso, o xurado premiou a película española De los nombres de las cabras, dirixida por Silvia Navarro e Miguel Morales, por considerala un traballo pioneiro de análise de construcións históricas, cun tratamento das imaxes de arquivo "que as libera das moitas capas de significado que lles foron impostas".
Neste caso, o xurado estivo composto polo crítico Manuel Asín, o realizador Ramiro Ledo e o programador Albert Triviño, que destacaron o gran valor das cinco películas que competían.
O palmarés de Novos Cinemas completouse coa película arxentina Las facultades, de Eloisa Solaas, que foi recoñecida co Premio do Xurado da Crítica que, nesta ocasión, estivo formado por Alberto Lechuga, Carlota Moseguí e Daniel de Partearroyo.
Os tres destacaron que esta película sostén "mediante un sólido rexistro observacional", un discurso de transformación social a través da educación e ofrece un "retrato de esperanza" do poder da mocidade para cambiar o mundo mediante a dialéctica.
Relacionadas:
-
A quinta edición do festival Novos Cinemas abre o prazo de presentación de obras
Por Redacción |
-
Os 'docs do mes' regresan ao Teatro Principal con 'Os tomates escoitan a Wagner'
Por Enrique Morales |
-
A proxección de Longa Noite, a última longametraxe de Eloy Enciso, pecha Novos Cinemas
Por Redacción & Diego Torrado |
-
RADIO.- A Playlist de Alfonso Zarauza: ' Hai que foderse!' 25 anos despois
Por Marisa Ciordia |