A proxección de Longa Noite, a última longametraxe de Eloy Enciso, pecha Novos Cinemas
Por Redacción & Diego Torrado
A edición 04 do festival Novos Cinemas chegará este domingo ao seu fin cun acto de clausura a partir das 21.00 horas no Teatro Principal no que se procederá á entrega dos premios desta edición: o do Xurado Internacional, do Xurado Latexos, do Xurado Novo, do Xurado da Crítica e o outorgado polo público que asistiu ás proxeccións.
Despois da entrega, proxectarase a última longametraxe da edición: Longa noite, de Eloy Enciso. Achegará ao público á historia de Anxo, quen durante a posguerra española decide regresar á súa vila no interior de Galicia. Alí crúzanse outros personaxes, gañadores e vencidos dunha España dividida: unha viúva que non quere lembrar, un comerciante que emigra, un prisioneiro republicano que describe o seu calvario. Con este filme, Enciso acadou o Boccalino D’Oro Best Director no Locarno FF.
A xornada comeza cunha sesión de cinema para os máis cativos ás 12.00 horas no Teatro Principal coa proxección de O xigante de ferro, de Brad Bird (USA). Este filme, que celebra este ano o sei vixésimo aniversario, está ambientado en outubro de 1957, en plena Guerra Fría, cando un obxecto procedente do espazo se estrela no océano, preto da costa de Maine e logo se interna nun bosque próximo á cidade de Rockwell. Hogarth Hughes, de nove anos, investiga os feitos e descobre a un robot xigante que tenta comerse as liñas de alta tensión dunha subestación eléctrica. O pequeno faise amigo do Xigante e descobre que este é curioso e pacífico.
Ás 16.30 horas terá lugar a sesión 'Por primeira ou última vez' no Teatro Principal, que propón cada ano unha revisión de películas feitas de raros e preciosos momentos nos que os cineastas lograron que as súas imaxes brillasen como só poden facelo as primeiras e últimas veces.
Nesta edición, o teórico e programador Manuel Asín seleccionou Wanda, primeira e única película dirixida pola actriz Barbara Loden, un absoluto referente do cinema independente norteamericano e, máis aínda, do cinema realizado desde unha óptica feminina. Asín tamén será o encargado de impartir a clase maxistral sobre o filme.
Relacionadas:
-
A francesa 'Ne croyez surtout pas que je hurle', gañadora da edición 04 de Novos Cinemas
Por Redacción |
-
RADIO.- A Playlist de Alfonso Zarauza: ' Hai que foderse!' 25 anos despois
Por Marisa Ciordia |
-
Así será o sábado en Novos Cinemas...
Por Redacción |
-
Alfonso Zarauza mostra en Novos Cinemas as primeiras imaxes da súa longametraxe "Ons"
Por Redacción |
-
Novos Cinemas inicia o ciclo de Encontros e continúa coas proxeccións
Por Redacción |
-
Pontevedra desprega a alfombra vermella para inaugurar a edición 04 de Novos Cinemas
Por Redacción & Diego Torrado |