O ano sabático de Lori Meyers, en pausa para deixar a súa pegada en El Náutico
Por Alejandro Espiño
Algo debe ter de especial un lugar cando unha banda da talla de Lori Meyers decide interromper o seu ano sabático e regresar aos escenarios. Foi no "refuxio dos músicos" no que se converteu El Náutico de San Vicente do Mar, onde unhas setecentas persoas puideron gozar do único concerto que os granadinos darán en España este ano.
Levaban anos tentando cadrar a súa intensa axenda para vir para O Grove, a un local "especial" que se converteu nun "referente" para os músicos, segundo recoñecía Noni -guitarra e voz de Lori Meyers- en El Náutico, onde a banda ao completo ofreceu un concerto semiacústico no que interpretaron o seu coñecido repertorio "pero de distinto palo".
Así, a tradicional enerxía que a banda exhibe nos seus concertos deu paso a un bolo moito máis acougado no que deron ao seu repertorio un enfoque "más de raíz", algo do que en Galicia, destacou o vocalista, "entendéis mucho".
O público, que coreou as súas cancións de maneira incansable, comprobouno con Telescopio Hubble, Luces de neón, Zona de confort e Saudade, os temas cos que Lori Meyers arrancou un concerto que durante hora e media deixou grandes momentos aos espectadores.
Un deles, sen dúbida, foi cando Anni B. Sweet -que actuara en El Náutico dous días atrás- subiu ao escenario para acompañar á banda poñendo voz a Televisión. Non sería a súa única colaboración. Regresou para o último tema da noite, acompañada unicamente por Noni e a súa guitarra para versionar "como hacemos en casa" El tiempo, tema da artista malagueña.
Foi o broche de ouro dunha velada na que Lori Meyers quixo recuperar grandes éxitos como El aprendiz, Mi realidad, Impronta ou Tokio ya no nos quiere e no que tamén optaron por darlle un enfoque persoal a cancións de amigos como Golpes bajos, Orishas ou a banda mexicana Enjambre, que lle abriu as portas no país azteca.
Antes do final, en El Náutico soaron tamén Rumba en atmosfera cero, Océanos, Emborracharme, Castillos de naipes, El tiempo pasará, Siempre brilla el sol, ¿Aha han vuelto? e Alta fidelidad, canción que aproveitou Noni para saltar pola xanela e acompañar durante uns segundos ás persoas que, desde a praia, vían o concerto alén do valo.
"Ahora nos vamos a disfrutar de la cena, de vuestras cosas y de vuestra tierra", desvelou o líder de Lori Meyers na súa despedida na que, ademais, prometeu volver a un lugar onde, nos últimos días, coincidiu entre outros con Coque Malla, Leiva ou Iván Ferreiro, estes dous últimos presentes onte á noite entre o público.
Co concerto de Lori Meyers, El Náutico encara a recta final do seu intenso mes de agosto, no que programou uns setenta concertos en apenas trinta días.
Leiva e Iván Ferreiro, Mikel Erentxun, Dorian, Andrés Suárez ou Marwan serán os próximos en subir a un escenario polo que pasarán tamén Taburete, Los Secretos, Love of Lesbian, Delaporte ou unha sorpresa final, un dos grandes nomes da escena indie española -habitual en San Vicente do Mar-, que se desvelará nos próximos días.
Relacionadas:
-
Denuncias e medidas drásticas tras a masificación da praia polo concerto de Iván Ferreiro no Náutico
Por Natalia Puga |
-
El Náutico do Grove quere "decrecer" e aposta por bandas residentes, espontaneidade e sorpresas para este verán
Por Redacción |
-
El Náutico do Grove inspira o novo traballo musical de Rozalén
Por Alejandro Espiño |
-
As "noches inolvidables" de Leiva e Iván Ferreiro en El Náutico
Por Natalia Puga |
-
O día que Vetusta Morla fixo de El Náutico a súa casa
Por Alejandro Espiño |