A finais de 2017 un grupo de mozos deciden axuntarse para seguir facendo o que lles gusta: a música urbana. Teñen entre 19 e 21 anos, son pontevedreses e denomínanse MKP Crew, acrónimo de Más Ke Perros. A particularidade que teñen é que se aglutinan como agrupación con ese nome, á vez que cada un ten os seus proxectos e igualmente colaboran uns con outros.
Charlamos nas Conversas na Ferrería con Álvaro Arousa 'Arrax', Tamara Loureiro 'Tami', PabloYeray 'Yerud', Adrián Sancho 'Locho' e Pablo Vázquez 'Hero'. Coñecíanse por diferentes ámbitos e o rap e as súas "batallas de galos" estreitaron os seus vínculos. Unhas batallas que agora, contan, están máis acougadas, pero "houbo un época con moitísima xente véndonos".
Violadores del Verso, Eminem, Los Chikos del Maíz, Crew Cuervos, Swan, Nach, Chojin ou os pontevedreses Delahoja son artistas dos que se foron empapando. Polo momento esta afección, na que teñen intención de continuar, repórtalles satisfaccións que non pasan precísamente pola carteira. 'Yerud' avanza que para gravar o próximo vídeo terá que poñer do seu peto uns douscentos euros.
O seu público séguelles a través da súa conta de Youtube, nalgunhas das mencionadas batallas ou nalgún que outro concerto. Están emocionados e espectantes co mes de xullo, cando lles contrataron como teloneiros de artistas do seu xénero na Festa da Dorna de Riveira.
Hai moita música emerxente nesta capital e como comprobamos en PontevedraViva Radio, o rap, o trap, o hip hop ... ese amplo abano da música urbana tamén ten o seu público e os seus trobadores.