A programación do CGAI chegará á cidade a través do Cineclube Pontevedra
Por Redacción
Unha escolma de títulos pertencentes á programación da filmoteca galega. É o que ofrecerá, a partir de agora, o Cineclube Pontevedra. Será posible tras a firma dun acordo co Centro Galego de Artes da Imaxe (CGAI)-Filmoteca de Galicia, que permitirá que esta entidade dispoña dunha nova sede na Boa Vila para difundir a súa programación.
O acordo foi asinado este luns polo director da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), Jacobo Sutil, e o presidente do Cineclube Pontevedra, Ramón Poza Magdalena.
A Agadic, como entidade á que está adscrito o Centro Galego de Artes da Imaxe, asume a adquisición dos dereitos de emisión das producións, así como os gastos dos traslados e, de ser o caso, os custos de comisariados dos programas proxectados.
Estas extensións do CGAI insírense na liña de apoio da Consellería de Cultura e Turismo ao labor de difusión cinematográfica e creación de novos públicos que desenvolven diferentes entidades no ámbito local e autonómico.
Este é tamén o caso da ampla programación anual de ciclos e semanas de cine que a Federación de Cineclubes de Galicia lles achega ás súas entidades asociadas a través do acordo de colaboración asinado coa Axencia Galega das Industrias Culturais.
Relacionadas:
-
As novas películas de Jean-Luc Godard, Claire Denis e Christian Petzold, en marzo no Cineclube
Por Redacción |
-
O Cine Club Pontevedra, cuarta sede da programación do Centro Galego de Artes da Imaxe
Por Olaya Madrigal |
-
'The Florida Project', prato forte do Cineclube no mes de febreiro
Por Almu Dapena |
-
O Cineclube comeza 2019 con catro películas do director danés Carl Theodor Dreyer
Por Redacción |