O Cine Club Pontevedra, cuarta sede da programación do Centro Galego de Artes da Imaxe
Por Olaya Madrigal
Froito dun convenio entre o Cine Club de Pontevedra e a Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), nace unha nova programación como extensión á habitual para o Cine Club, baseada na programación do Centro Galego de Artes da Imaxe (CGAI). Desta forma, Pontevedra estréase como cuarta sede da programación do Centro Galego de Artes da Imaxe.
A primeira destas sesións vai levarse a cabo o 13 de marzo, coa proxección de Cuentos de la luna pálida, que dará comezo a un ciclo dedicado ao director nipón Kenji Mizoguchi, quen destacou por retratar con delicadeza as tradicións do seu país e por retratar a mulleres adiantadas ao seu tempo. A cotío se di que non se pode coñecer ou amar o cine sen coñecer a obra de Kenji Mizoguchi, considerado un dos tres grandes mestres do cine xaponés clásico.
Cuentos de la luna pálida é un filme fantástico considerado como unha obra maestra na historia do cine. Ambientado no Xapón feudal do século XVI, inmerso nunha guerra civil, trata a codicia, o infortunio e as miserias humanas arredor de dúas esposas abandonadas polos seus maridos. Os dous campesiños perseguen soños imposibles, mentres que as súas esposas terán que loitar por sobrevivir.
As seguintes películas de Mizoguchi que se proxectarán no Teatro Principal serán Los amantes crucificados (27 de marzo), El intendente Sansho (3 de abril) e, por último, La calle de la vergüenza (10 de abril), coincidindo co peche deste ciclo.
As proxeccións do CGAI serán en galego de seren producidas en territorio autonómico e subtituladas en galego de seren foráneas. Nun comezo daranse dous mércores de cada mes, ás 20:30. A entrada será gratuita para socios do Cine Club e de 2 euros para o resto de asistentes.
Relacionadas:
-
O Cineclube pecha tempada en Pontevedra con películas de Jacques Tati e o chinés Hu Bo
Por Alejandro Espiño |
-
As novas películas de Jean-Luc Godard, Claire Denis e Christian Petzold, en marzo no Cineclube
Por Redacción |
-
'A sombra da lei', rodada en Pontevedra, gran triunfadora dos Premios Mestre Mateo
Por Redacción |
-
A programación do CGAI chegará á cidade a través do Cineclube Pontevedra
Por Redacción |