O Cineclube comeza 2019 con catro películas do director danés Carl Theodor Dreyer
Por Redacción
Catro obras mestras do cineasta danés Carl Theodor Dreyer son a aposta do Cineclube Pontevedra para comezar este 2019. Trátase dun ciclo organizado grazas á colaboración do Det Danske Filminstitut e do Institut Français, segundo explica a entidade pontevedresa.
Todas as proxeccións serán no Teatro Principal ás 20.30 horas.
A primeira será, o martes 9, A paixón de Jeanne D'Arc. Considerada como un dos cumios da creación cinematográfica mundial, a película traslada ao espectador a 1431 cando Xoana de Arco, despois de conducir as tropas francesas á vitoria, é arrestada e acusada de bruxaría. Ela declara ter recibido de Deus a misión de salvar Francia, pero é procesada e condenada a morrer na fogueira.
O martes 15 será a quenda de Vampyr. Baseado libremente no clásico relato de terror vampírico Carmilla, de Sheridan Le Fanu, presenta unha viaxe a medio camiño entre o real e o sobrenatural, a partir do hipnótico pesadelo do mozo Allan Grey. Do mesmo xeito que Carmilla influíu no Drácula de Bram Stoker e nas máis modernas historias de vampiros, a influencia de Vampyr no horror cinematográfico non deixou de medrar ao longo dos anos.
Dies Irae será a proxección do martes 22 e narra unha historia en plena caza de bruxas na Dinamarca do século XVII, onde un vello sacerdote promete a unha muller condenada a morte que salvará a súa filla Anne da fogueira se a moza accede a casar con el. Cando Martin, o fillo do sacerdote, regresa á casa para coñecer a súa madrastra, namorará dela e ambos os dous compartirán unha relación prohibida que terá consecuencias inesperadas.
A última película será Ordet, o martes 29. É a grande obra mestra do cinema relixioso de todos os tempos e o filme máis redondo de Carl Theodor Dreyer. Nela, un pai de tres fillos trata de sacar adiante a súa granxa nunha zona rural. Un dos seus vástagos está namorado dunha moza dunha familia rival. Outro agarda que a súa muller dea a luz o seu terceiro fillo. O último é un estudante de teoloxía que de tanto estudar e identificarse con Xesucristo é considerado un tolo polos seus veciños.