A creatividade xuvenil de 'Ben veñas, maio' acada os 25 anos
Por Paula Sanmartín & Anxo Lourido
No curso 1992/93 un grupo de profesores comezaba un proxecto que tiña como obxectivo fomentar a utilización da lingua galega entre os estudantes dos centros educativos de secundaria en Pontevedra. O proxecto levaba por título 'Ben veñas, maio' e consistía nun certame de experiencias artísticas en disciplinas que ían desde o teatro ata a música ou a creación literaria.
Pasados 25 anos daquela primeira edición, aquel certame que naceu "de maneira precaria" conta co apoio do Concello de Pontevedra e cunha saúde envexable. Os institutos van rotándose na organización deste evento que xunta a centos de estudantes do municipio a través de modalidades artísticas que incorporaron a fotografía, a banda deseñada ou as producións cinematográficas.
Este mércores, o alcalde Miguel Anxo Fernández Lores recibía a tres dos seis profesores que puxeron en pé aquela iniciativa, Vitoria Ogando, Pilar Herráiz e Manuel Lourenzo.
O autor de 'Ceiba de luz' afirmaba que o certame "foi un fillo que medrou" e "sentímonos honrados" polo protagonismo que a lingua ten entre os participantes. Lembrou que a comezos dos 90 non estaba espallado o uso de internet e case tampouco o dos ordenadores persoais, polo que para a elaboración dos carteis era necesario aplicar o "corta e pega".
Nesta liña tamén se manifestou Vitoria Ogando destacando a evolución desta cita artística e cultural, que foi o primeiro chanzo para que despois algúns estudantes continuaran a súa carreira artística de forma profesional.
Este sábado 12 ás 17.00 horas no Pazo da Cultura vai desenvolverse o concerto dos grupos participantes na edición deste ano coa entrega dos premios económicos para os gañadores de todas as modalidades.
Relacionadas:
-
Os videoclips, gran novidade do certame Ben Veñas Maio 2019
Por Victoria Regueira & Anxo Lourido |
-
"Ben veñas, maio!" entrega os seus premios
Por Diego Torrado |
-
Pontevedra, epicentro do Día das Letras Galegas dedicado a María Victoria Moreno
Por Alejandro Espiño |
-
Ben Veñas Maio 2018 volverá impulsar o uso do galego a través das artes
Por María López Verdial |
-
O Concello oferta máis de 50 actividades de formación para os centros escolares
Por Redacción |