Pontevedra recorda a figura de María Victoria Moreno, unha "galega por amor"
Por Redacción & Mónica Patxot
O Teatro Principal de Pontevedra acolleu este xoves a proxección da documental María Victoria Moreno, galega por amor. Trátase dunha peza audiovisual, producida polo Concello de Pontevedra para lembrar a figura da popular escritora.
Este foi o primeiro dos actos incluídos na programación que a cidade de Pontevedra organizou en homenaxe a María Victoria Moreno, a autora á que a Real Academia Galega (RAG) dedica este ano o Día das Letras Galegas.
O documental repasa a traxectoria vital e profesional desta mestra de orixe estremeña, que se converteu nun referente da literatura infantil e xuvenil en galego, idioma do que se namorou nada máis chegar a Galicia e que defendeu sen concesións durante toda a súa vida.
Neste traballo participan, entre outros, persoas moi ligadas á vida de María Victoria Moreno como a pontevedresa Fina Casalderrey, o tradutor Xavier Senín, o investigador Xesús Alonso Montero ou os editores Manuel Bragado e Francisco Castro.
O documental foi obra das empresas Ovo Publicidade, Trisquelia, Era Comunicación e J. Aragunde, catro empresas da rede Pontevedra Ten Un Puntazo, tras gañar o concurso convocado pola Concellaría de Normalización Lingüística co obxectivo de recoller unha imaxe transversal sobre a vida e obra de María Victoria Moreno, a súa relación coa cidade, as súas amizades, familia, obras, etc. e, de xeito especial, coa lingua galega.
Entre os membros do equipo de produción, dúas persoas foron alumnos de María Victoria Moreno no IES Torrente Ballester.
A partir da súa estrea, o documental estará dispoñible para todas aquelas entidades que o soliciten.
A este acto sumarase, este mesmo venres, a inauguración oficial da avenida que Pontevedra dedicará a María Victoria Moreno. Substituirá no rueiro da cidade ao ministro franquista José Antonio Fernández Ladreda.
Relacionadas:
-
O documental de Pontevedra sobre María Victoria Moreno xa está na rede
Por Alejandro Espiño |
-
'O escalón de Ulises', un mapa dos afectos, os ideais e a loita de María Victoria Moreno
Por Natalia Puga |
-
Aquí viviu María Victoria Moreno, "unha namorada de Pontevedra e das súas xentes"
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |
-
A avenida María Victoria Moreno, un "faro de luz" para que Pontevedra a recorde "para sempre"
-
Pontevedra, epicentro do Día das Letras Galegas dedicado a María Victoria Moreno
Por Alejandro Espiño |
-
O I Premio de Narrativa Xuvenil María Victoria Moreno vai a mans de Antonio Manuel Fraga
Por Redacción |
-
A obra de María Victoria Moreno saltará "a escena" en toda a provincia
Por Paula Sanmartín & Anxo Lourido |