Un mes de roteiros temáticos de outono
![Redacción](/web/cache/scene/uploads/xornalistas/foto/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjSxUqrKz891Lsov0DEyAC_/_Il61oA_/506490f5a15ce-c6ku5opwb5qbtijalxd0_reasonably_small.jpeg)
Por Redacción
O venres 29 de setembro comezarán os roteiros temáticos de outono en Pontevedra cunha visita á arte rupestre de Tourón durante a noite coas explicacións de Xosé Lois Vilar. A saída realizarase en coches particulares a partir das 19.00 horas desde o Recinto Feiral para ver estes petróglifos que ofrecen unha perspectiva singular durante a noite.
Así o explicou o concelleiro de Patrimonio, Luís Bará, este xoves na presentación dun novo ciclo de itinerarios que se desenvolverán durante un venres e cinco sábados ao longo dun mes.
O sábado 30 de setembro, a partir das 11.00 horas, visitaranse xardíns e hortas urbanas, nunha visita guiada por Jaime Blanco Dios. O 7 de outubro levará a cabo unha ruta polo Monte Penide e visitarase o Mirallo prehistórico en Redondela co arqueológo da Citania, Xurxo Constela.
A ex concelleira de Cultura María Xesús López Escudeiro será a encargada de realizar as explicacións da ruta de 'Mulleres do gris ao violeta', que se iniciará na Praza da Ferrería o 14 de outubro, mentres que o 21 dese mesmo mes os participantes achegaranse polos pazos de Lourizán e Salcedo.
Por último, o sábado 28 de outubro, Carmela Sánchez Arines guiará unha visita polas igrexas e conventos medievais da cidade.
Todas as visitas contan cun límite de prazas para 30 persoas e é necesaria a inscrición previa para cada un dos roteiros. A inscrición ten que realizarse a través do correo patrimoniocultural@pontevedra.eu