A película libanesa 'Ghadi' abre o mércores o ciclo 'Amal en Ruta' no Teatro Principal
Por Redacción
Este mércores 7 de setembro comezará no Teatro Principal de Pontevedra a primeira edición do ciclo de cinema árabe 'Amal en Ruta', unha versión resumida do Festival Internacional de Cinema Euro-Árabe Amal que se celebra cada mes de outubro en Santiago de Compostela.
O festival é froito da colaboración entre a Fundación Araguaney-Ponte de Culturas e o Concello de Pontevedra e entre este mércores 7 e o domingo 11 de setembro permitirá gozar na cidade do Lérez de catro películas de ficción e tres documentais, todas as cintas subtituladas ao castelán que puideron verse no último festival Amal de outubro de 2015.
Trátase dun western, dous dramas, unha traxicomedia e tres documentais sobre a Guerra de Siria, a educación en Palestina e a presenza árabe en Galicia. Proxectaranse entre o mércores e o venres ás 21.00 horas e o sábado e o domingo nunha dobre sesión ás 19.30 e as 21.00 horas.
A primeira será xa este mércores 7 de setembro, Ghadi, unha coprodución Líbano-Qatar dirixida polo libanés Amin Doura que conta a historia de loita e superación do pai dun neno con síndrome de down.
O xoves 8 proxectarase Los caballos de Dios, de Nabil Ayouch. Producida en Bélxica, Francia e Marrocos, baseada na novela As estrelas de Sidi Moumen, de Mahi Binebine, que conta a biografía ficcional dos membros dunha célula terrorista que provocou unha onda de atentados en Casabranca en maio de 2003.
O venres 9 proxectarase Theeb, unha longametraxe coproducido por Xordania, Reino Unido, Emiratos Árabes Unidos e Catar e dirixido por Naji Abu Nowar que foi seleccionado por Xordania para participar nos Óscar na categoria de mellor película de fala non inglesa.
A sesión das 19.30 horas do sábado terá acento galego, pois se proxectará Colonos y palomas, un documental galego de Alfonso Pérez Caneiro e Marga Pazos que conta a vida dun grupo de escolares palestinos que teñen que ir ao colexio escoltados polo exército israelí. A sesión das 22.00 horas será de ficción, coa película Villa Touma, da palestina Suha Arraf.
O domingo a sesión das 19.30 horas tamén será da terra, co documental Alpuxarras, de Rafael Toba, que, partindo da conquista árabe e posterior reconquista cristiá, desmonta ambos os mitos e revela a vinculación entre os galegos e o mundo árabe. Ás 22.00 horas proxectarase outro documental, Silvered water, Syria self-portrait, de Ossama Mohammed e Wiam Simav Bedirxan, unha coproduccción sirio francesa que mostra imaxes de gran dureza sobre o actual conflito serio.