O Festival Internacional de Cinema Euro-Árabe Amal colle ruta cara a Pontevedra en setembro
Por Redacción
O Festival Internacional de Cinema Euro-Árabe Amal de Santiago de Compostela, o primeiro das súas características que empezou a celebrarse en España, no ano 2003, dará un salto a Pontevedra este ano. Será a través da primeira edición de 'Amal en Ruta', unha versión reducida da última edición do festival que chegará á cidade do Lérez no mes de setembro da man dos mesmos organizadores do orixinario.
O director de Amal, Ghaleb Jaber Martínez; o patrón da Fundación Araguaney-Ponte de Culturas, Ignacio Varela; e a concelleira de Cultura, Anxos Riveiro, presentaron este mércores esta nova iniciativa, que chegará ao Teatro Principal entre o 7 e o 11 de setembro con catro películas de ficción e tres documentais que puideron verse no último festival Amal de outubro de 2015.
As cintas son só unha selección das que proxectadas en Amal, pero que non se proxectaron en conxunto en ningunha outra cidade galega. De feito, ata agora nunca se realizou unha 'segunda volta' con estas características fóra de Santiago.
Trátase dun western, dous dramas, unha traxicomedia e tres documentais sobre a Guerra de Siria, a educación en Palestina e a presenza árabe en Galicia. Todas están subtituladas en catellano e proxectaranse entre o mércores e o venres ás 21.00 horas e o sábado e o domingo nunha dobre sesión ás 19.30 e as 21.00 horas.
O ciclo abrirase o mércores 7 de setembro con Ghadi, unha coprodución Líbano-Qatar dirixida polo libanés Amin Doura que conta a historia de loita e superación do pai dun neno con síndrome de down.
O xoves 8 proxectarase Los caballos de Dios, de Nabil Ayouch. Producida en Bélxica, Francia e Marrocos, está baseada na novela As estrelas de Sidi Moumen, de Mahi Binebine, que conta a biografía ficcional dos membros dunha célula terrorista que provocou unha onda de atentados en Casabranca en maio de 2003.
O venres 9 proxectarase Theeb, unha longametraxe coproducido por Xordania, Reino Unido, Emiratos Árabes Unidos e Catar e dirixido por Naji Abu Nowar que foi seleccionado por Xordania para participar nos Óscar na categoria de mellor película de fala non inglesa.
A sesión das 19.30 horas do sábado terá acento galego, pois se proxectará Colonos y palomas, un documental galego de Alfonso Pérez Caneiro e Marga Pazos que conta a vida dun grupo de escolares palestinos que teñen que ir ao colexio escoltados polo exército israelí. A sesión das 22.00 horas será de ficción, coa película Villa Touma, da palestina Suha Arraf.
O domingo a sesión das 19.30 horas tamén será da terra, co documental Alpuxarras, de Rafael Toba, que, partindo da conquista árabe e posterior reconquista cristiá, desmonta ambos os mitos e revela a vinculación entre os galegos e o mundo árabe. Ás 22.00 horas proxectarase outro documental, Silvered water, Syria self-portrait, de Ossama Mohammed e Wiam Simav Bedirxan, unha coproduccción sirio francesa que mostra imaxes de gran dureza sobre o actual conflito serio.