O novo cinema francés chega á Casa das Campás
Por Redacción
As tardes dos venres, entre este 12 de maio e o 23 de xuño, ás 19.30 horas, desenvolverase na Casa das Campás o ciclo de proxeccións O novo cinema Francés: Entre a melancolía e a renovación, con entrada libre.
Trátase dunha actividade que promove a Vicerreitoría do campus coa colaboración do Instituto Francés de Cine.
Mauvais Sang (1986), de Leos Carax é o filme co que este venres 12 bota a andar a programación.
La Jalousie (2013), de Philippe Garrel, conforma un drama sentimental en branco e negro que segue representando os postulados da Nouvelle Vague e que poderá verse o 19 de maio.
Á semana seguinte proxectarase Tout est pardonné (2006), de Mia Hansen Love, realizadora que ao igual que Garrel e Cristophe Honoré, protagonista o 2 de xuño da proxección de Les Malheurs de Sophie (2015), constitúen "a mostra perfecta do que en Francia se denomina Post-Nouvelle Vague", explica a coordinadora desta actividade, Bárbara Santos.
O 9 de xuño chegará o momento de Mon âme par toi guérie (2013), de François Dupeyron; e á semana seguinte proxectarase 21 Nuits avec Pattie (2015) dos irmáns M. e A. Larrieu, exemplos dun cinema novo "totalmente diferente aínda que marcadamente actual e recoñecible".
Como tamén o é, explica Santos, o realizador Xabi Molia, protagonista da sesión de peche o 23 de xuño con Les Conquérants (2013), "unha particular comedia que nada ten que ver con estas comedias francesas que tanto están de moda".