Libro xigante de e para xente miúda
Por Mónica Patxot
Un libro feito por xente miúda para xente miúda, pero de tamaño xigante. Este é o resultado dunha das actividades máis novidosas do XVII Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra, a creación do primeiro libro xigante de Galicia. Elaborouse durante a primeira fin de semana do salón e presentouse en sociedade este venres.
O ilustrador e director do I Libro Xigante, Víctor Rivas, entregou esta publicación á concelleira de Cultura de Pontevedra e responsable do Salón do Libro, Anxos Riveiro, nun acto no Pazo da Cultura.
Na elaboración do libro participaron oito debuxantes e 43 nenos, os cativos escribindo historias e os debuxantes ilustrándoas. Esta actividade xa se celebrou con anterioridade en diversos lugares, tomando o director desta versión galega como referencia a actividade de La Festa del Llibre Xegant d' Alpicat, organizado por Marçal Abella na localidade da provincia de Lleida.
O I Libro Xigante, dirixido por Víctor Rivas e coordinado por Esther Vázquez, contou coa colaboración de ilustradores como Aida Alonso, Michel Casado, Inés Casarejos, Laura Comesaña, Molita, Samagarú y Zirta. Como corrector de galego, Charlie Casado; e como axudantes e rotulistas, Marta Rivas e Paula García. Colaboraron Edicións Xerais de Galicia e o grupo de ilustradores de Pontevedra Inkelarre!