Fina Casalderrey, galardoada co Premio da Cultura Galega 2015
Por Redacción
A escritora pontevedresa Fina Casalderrey suma un novo premio á súa prolífica e exitosa carreira. Ela é unha dos oito galardoados das diferentes modalidades dos Premios da Cultura Galega 2015, fallados este martes en Santiago de Compostela.
Trátase dun certame que ten o obxectivo de recoñecer e poñer en valor a traxectoria de persoas e entidades destacadas nos distintos ámbitos culturais do país.
O xurado dos galardóns, presidido polo conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, reuniuse na Cidade da Cultura para determinar aos elixidos entre máis de 40 candidaturas.
Na modalidade de Letras é onde foi premiada a escritora Fina Casalderrey, tras unha vida vinculada á o literatura infantil e xuvenil con máis de 50 títulos.
Mestra de profesión, esta autora conta, destacou o xurado, cun importante recoñecemento por parte do público, que lle outorgou numerosos galardóns como o Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil de 1996, o Álvaro Cunqueiro de 1999 ou o Premio Merlín 1991, entre outros.
A súa obra, que destaca polo coidado no uso do idioma galego e o manexo de diferentes rexistros, foi traducida a varias linguas como o español, o inglés, o italiano, o francés, o portugués, o catalán, o eúscaro, o coreano ou o bretón.