Fina Casalderrey ingresa como académica da RAG: "Son de Pontevedra, onde as pedras teñen alma"
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido
Faltaban uns minutos para comezar o acto da Real Academia Galega (RAG) no que Fina Casalderrey ía ingresar como académica numeraria. Decenas de persoas achegábanse á escritora de Xeve para abrazala e darlle o parabén. Alguén lle preguntou se estaba nerviosa. Fina contestou:
- Non o sei. A verdade é que non o sei.
Nerviosa ou non. Fina enfrontouse con aparente serenidade ao ritual. Esperou no vestíbulo do teatro mentres o presidente da RAG ofrecía o seu discurso. Xesús Alonso Montero chanceaba dende o escenario afirmando que lle pedira que esperase alí porque ela non sabía nin onde sentarse. Os dous académicos de nomeamento máis recente foron a buscala para que no medio do aplauso do público, Fina Casalderrey se situase ante o atril e lese o seu discurso de ingreso. Nas primeiras butacas encontrábase a presidenta do Parlamento de Galicia, Pilar Rojo, o secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, o alcalde en funcións de Pontevedra, Antón Louro, e concelleiros do grupo municipal como Anxos Riveiro ou Luis Bará.
A escritora de Xeve comezou facendo referencia á súa condición de muller, "non é demérito, pero tampouco mérito suficiente" en relación co seu ingreso na Academia e citou mulleres "ás que debemos moito" como Rosalía, Concepción Areal, Ernestina Otero ou María Xosé Queizán. A continuación, Fina quixo tamén mostrar o seu agradecemento e cariño a Mariano, o seu marido dende hai máis de corenta anos, "quen me convenceu de que o exceso de humildade pode ser entendido como soberbia".
A nova integrante da RAG reivindicou a súa condición de pontevedresa pedindo a institución que ten sede na Coruña a que trasladase este acto á capital e dende o escenario afirmou con contundencia: "son de Pontevedra, onde ás pedras teñen alma". A partir de aí relatou momentos da súa xuventude e do seu achegamento ao galego a través da Universidade. Quixo referirse tamén á figura do desaparecido Xaime Isla Couto de quen herda o seu asento na Academia. E, sobre todo, dedicou unhas emocionadas palabras aos seus pais aos que pediu perdón por ter rexeitado durante a súa adolescencia a lingua que eles lle ensinaran.
Fina Casalderrey convértese na quinta muller que forma parte desta institución e destaca pola súa ampla obra, sobre todo no ámbito da literatura infantil e xuvenil con obras como O misterio dos fillos de Lúa coa que obtivo o premio nacional de literatura infantil e xuvenil, ademais do premio El Barco de Vapor.