Fina Casalderrey presenta no Museo o seu novo libro, "Historia da bicicleta dun home lagarto"
Por Alejandro Espiño
A mirada dun neno en tempos de guerra, "inocente, pero non de todo inxenuo". Ese é o fío argumental de Historia da bicicleta dun home lagarto, o novo libro da escritora pontevedresa Fina Casalderrey. Presentouno este xoves no salón de actos do Sexto Edificio do Museo de Pontevedra, rodeada de grandes amigos e admiradores e da música de ÿscar Ibáñez, que amenizou o acto.
A historia que Fina Casalderrey narra neste libro infantil tivo a súa "primeira chispa" nunha bicicleta que posuía un celador de telefonía nos anos 30. Está ambientada na Guerra Civil, pero a autora asegura que "tentei non dramatizar ou traumatizar aos nenos lectores, pero tampouco agochar ás miserias que trae unha guerra e moito menos os soños e esperanzas que conviven con todo iso".
No fondo, sinalou, é unha historia de intriga que "tento contalla o mellor que fun capaz, da maneira máis bonita". E cunha mensaxe clara que "a mellor opción ante unha guerra é evitala", porque entende que ante calquera episodio violento "ao final se arranxan as cousas con palabras, así que por que non comezar así xa".
No libro aparece tamén unha persoa á que a escritora pontevedresa admira, o poeta e dramaturgo Miguel Hernández. "Era daquela época e víñame ao pelo", destaca Casalderrey. Nos seus libros, os pais do neno protagonista mandábanse "notiñas en clave" para que o menor non se decatase do drama da guerra, aínda que sen éxito porque " os nenos son máis novos que nós e non se dan conta de todo o drama, pero saben cando pasan cousas raras".
Historia da bicicleta dun home lagarto, editado dentro da colección Sopa de Libros da editorial Xerais, conta coas ilustracións de Laura Súa Campos. Un traballo que, por agora, "está gustando a xente de todas ás idades e iso é o máis bonito que podo esperar", conclúe a autora.