Lichis amosa o seu novo rumbo musical nun concerto en El Náutico do Grove
Por Redacción
Despois de triunfar á fronte de La cabra mecánica, Miguel Ángel Hernando -coñecido como Lichis- emprendeu unha exitosa carreira en solitario, un novo proxecto musical co que chegará ao Grove o próximo domingo 13 de setembro. Actuará en El Náutico de San Vicente do Mar, a partir das oito da tarde.
Co seu novo disco, Modo avión, o que fora voz da coñecida banda madrileña, formula un cambio de rumbo de 180 graos á súa carreira musical. Deixa de lado as palmas e as guitarras flamencas para indagar nas músicas americanas de raíz.
"Non se pode dar un xiro estilístico da noite ao día. Foi un proceso de anos. Non tería podido sacar antes este disco. É un disco parido de modo natural, un disco transpirado", explica Lichis sobre este traballo que presentará no Grove e que integran dez cancións escritas ao longo da última década en etapas diferentes.
En Modo avión, Lichis fusiona sons como o country e o blues e a través das súas letras chegamos coñecer a persoa que se esconde tras o artista. "As letras deste disco contan cousas bastante terribles pero quería que a música tivese un aire máis amable. O blues e o country afrontan a dor dende unha óptica menos dura", sinala.
O disco foi gravado en Nova York baixo a produción de Joe Blaney e cun plantel de músicos de primeira orde, como Marc Ribot e Jim Campilongo nas guitarras, Andy Hess ao baixo, Pete Thomas á batería, o teclista Brian Mitchell, o percusionista Jerry Marotta (habitual xunto a Peter Gabriel) e David Mansfield, quen tocou violín, mandolina, guitarras ou pedal steel para Bob Dylan, Bruce Hornsby ou Lucinda Williams.
Se xa con La Cabra Mecánica Lichis se converteu nun músico respectado, tanto por aqueles que os consideraban un artista de culto coma por aqueles que ata el se achegaron grazas a temas de éxito, agora, co seu novo proxecto en solitario non foi menos. Proba diso é a súa presenza nos carteis dalgúns dos máis destacados festivais deste país, como o Sonorama, Xigante ou o Festival de La Luz, entre outros.
Ademais, Lichis leva todo o ano realizando unha extensa xira por todo o país, na que se presenta en formato cuarteto, xira, que este domingo fai escala en El Náutico do Grove.
O prezo da entrada é de 12 euros en anticipada e de 15 na billeteira.