Corenta músicos de jazz e swing reúnense nun excepcional encontro en El Náutico do Grove

Por Redacción
Máis alá dos mediáticos nomes, a programación musical do Naútico do Grove atesoura auténticas xoias de incalculable valor. Citas e concertos que os propios músicos cualifica de "irrepetibles" pola pléiade de renomeados artistas que de forma absolutamente excepcional conseguiron aglutinar.
Luismi Baladrón, baixista de artistas como Alejandro Sanz, Estopa ou Antonio Vega, e un dos artífices deste encontro de músicos de jazz e swing recoñece que se trata dunha "cita seguramente irrepetible porque nadie se plantearía nunca juntar semejante nómina de músicos. Han tenido que darse muchas circunstancias favorables para que muchos de los mejores instrumentistas del género de este país hayan podido combinar sus agendas y citarse en El Náutico"
ANTONIO SERRANO, O MÁIS DESEXADO
Un destes instrumentistas é Antonio Serrano, que está a ofrecer ata este xoves tres concertos con tres formacións distintas. Dito só así, quizais para o gran público o nome de Antonio Serrano non signifique demasiado. Pero se dicimos que é o harmonicista máis desexado polos músicos de medio mundo e que traballa con mitos como Wynton Marsalis, Paquito de Rivera, Paco de Lucía (a quen acompañou en directo durante moitos anos), Andrés Calamaro ou Joaquín Sabina, entre moitos outros, xa se pode ir asumindo a dimensión do personaxe.
Este mércores (20 horas) actuará con New Crooners, unha banda de auténtico luxo da que forman parte Luismi Baladrón, Israel Sandoval (guitarrista de Joan Bibiloni, Javier Colina, Jorge Pardo, Diego el Cigala, Concha Buika...), Andrés Litwing (batería de Andrés Suárez, Depedro...), Alicia Araque (vogal coach do programa televisivo La Voz) ou Ángela Cervantes (corista da xira mundial de Brit Floyd).
O xoves Antonio Serrano encabezará a unha banda formada por 12 dos mellores instrumentistas de jazz do Estado (con Santi Cañada ao trombón, Raúl Gil á trompeta ou Francisco López ao contrabaixo, entre outros) nun espectacular concerto tributo a Stevie Wonder.
BOB SANDS, HERDEIRO DE GLENN MILLER
O venres 14 e o sábado 15 El Náutico converterase no club de jazz e de swing máis grande da península. Ao redor de 40 músicos participarán na primeira edición do Encontro Nordés de Músicos de Swing & Jazz. Durante esas dúas xornadas sucederanse os concertos e as jams nos tres escenarios do local da Barrosa. Á cita acudirán moitos dos músicos fundamentais do xénero na península.
Entre as actividades programadas neste encontro figuran catro concertos da Bob Sands Big Band, dous deles interpretando repertorio de Frank Sinatra.
Bob Sands é un saxofonista e clarinetista neoiorquino que participou en xiras internacionais coas orquestras de Lionel Hampton e The Glenn Miller Orchestra e que ao longo da súa carreira actuou xunto a Lionel Hampton, Dizzy Gillespie, Paquito D'Rivera, Jorge Pardo, Chano Domínguez ou Pedro Iturralde. É ademais músico habitual nas gravacións e xiras de artistas pops nacionais como Joaquín Sabina, Miguel Ríos, Marta Sanchez, Lolita, Martirio, Víctor Manuel, Ana Belén ou Joan Manuel Serrat, entre moitos outros.
Acompañado de 17 excepcionais músicos e un puñado de ilustres convidados o veterano saxofonista neoiorquino afrontará coa súa big band un repertorio composto por temas clásicos dos anos 40 e 50, moi similar ao que interpretaban as grandes orquestras de Count Basie ou Duke Ellington.
Relacionadas:
-
Lichis amosa o seu novo rumbo musical nun concerto en El Náutico do Grove
Por Redacción |
-
Xoel López, Eladio y los seres queridos e Pepe Solla, trío de ases en El Náutico do Grove
Por Redacción |
-
Andrés Suárez renova o seu idilio con El Náutico
Por Redacción |
-
Así se vivirá agosto no Náutico do Grove: 45 concertos en 29 días
Por Redacción |