A palabra será o principal motivo para "Presumir do Culturgal" na edición de 2015

Por Anxo Lourido
Máis de corenta postos da próxima edición do Culturgal xa foron reservados cando aínda faltan cinco meses para que o Pazo da Cultura e o Recinto Feiral acollan a oitava cita en Pontevedra coa Feira das Industrias Culturais. O evento celebrarase entre o 4 e o 6 de decembro e na mañá deste xoves 9 de xullo presentábase no Centro de Interpretación das Torres Arcebispais coa presenza do director do Agadic, Jacobo Sutil; a deputada provincial Ana Isabel Vázquez; a concelleira de Feiras, Anabel Gulías; Manuel Bragado, presidente da asociación que organiza o Culturgal e Xosé Aldea, director da Feira cultural.
Para este ano o lema escollido é o de "Presume do Culturgal" e o principal tema que centrará as diferentes actividades será a palabra. O cartel desta edición, realizado por Antonio Doñate, presenta a unión dunhas mans que simbolizan o orgullo colectivo, segundo indicou Manuel Bragado que indicou que os obxectivos para este ano se centran en incrementar a actividade comercial dos produtos da terra, a fidelización dos públicos que asistirán a máis de 125 actividades durante tres días. E, por último, queren conseguir a xestión económica sostible cun presuposto que volverá situarse arredor dos 150.000 euros no que as axudas públicas financian o 60% mentres que as privadas alcanzan o 40%.
Neste sentido, a edición deste ano será tambien de pagamento e a principal novidade é que se establecerá un sistema circular que evite amoreamentos no centro do Recinto. Ao mesmo tempo, realizaranse actividades tamén en salas e corredores do Pazo da Cultura, segundo apuntou Xosé Aldea.
Neste momento encóntrase aberto o espazo para presentar as propostas de reserva de espazos e a posibilidade de ofrecer propostas artísticas para esta cita cultural que, na edición de 2014, logrou que 15.000 persoas pasasen polas instalacións do Pazo da Cultura. Aldea apuntou que a programación artística se coñecerá despois do verán.
Tamén este ano se levará a cabo unha exposición de arte contemporánea centrada sobre a arte e a arquitectura, que contará con Antón Sobral e Paula Cabaleiro como comisarios. A deputada provincial, Ana Isabel Vázquez, apuntou a que se intentará que esta mostra complementaria permaneza aberta durante un mes.
Novidades na organización do Culturgal 2015
Xosé Aldea. Director do Culturgal 2015
CC BY-NC-SA PontevedraViva