O Culturgal 2015 xa está completo a dous meses da celebración da feira
Por Redacción
O espazo expositivo co que contará Culturgal na súa nova edición xa está completo. Cando aínda restan dous meses para a súa celebración, os días 4, 5 e 6 de decembro, xa non hai postos dispoñibles para as empresas interesadas en presentar as súas iniciativas culturais.
Esta é a primeira vez, nos oito anos de vida do Culturgal, na que os stands ofertados esgótanse tan pronto. O equipo organizativo da Feira das Industrias Culturais amosa a súa satisfacción pola confianza e entusiasmo dos expositores que se achegarán ao Pazo da Cultura de Pontevedra, nun ano no que se ofreceu a posibilidade de escoller espazo sobre plano.
Máis de 75 entidades ocuparán os espazos ofertados no Culturgal, unha listaxe que reflicte por unha banda o alto grao de fidelidade á feira por parte de empresas asentadas no país e por outra a incorporación de novos proxectos que ven nesta cita un escaparate idóneo para presentarse e comercializar o seu traballo.
Ademais da presenza dos principais patrocinadores do Culturgal, Xunta a través da Agadic e Concello de Pontevedra, que acostuman montar stands cun deseño espectacular, destaca a importante presenza do sector editorial, a progresiva incorporación da artesanía desde o pasado ano e a revitalización que está a experimentar o mundo do teatro.
Así mesmo, outro dos patrocinadores, a Deputación de Pontevedra, acude ao Culturgal cun stand nos que os concellos da provincia mostrarán as súas iniciativas culturais. Tamén haberá concellos con espazo propio: ademais de Pontevedra, Santiago de Compostela e Redondela, e o cooperativismo cultural tamén terá cabida na feira a través do Consello Galego de Cooperativas.
O equipo do Culturgal lamenta que entidades que tiñan intención de participar e que aínda non reservaran espazo, queden fóra en 2015. Na axenda, sinalan, anotan a necesidade de reformular e ampliar espazo para o próximo 2016 co obxectivo de poder atender á demanda.
O prazo de reserva ía rematar o vindeiro 31 de outubro pero a organización pechouno xa ante a imposibilidade de admitir máis solicitudes.
Relacionadas:
-
Abre as portas o Culturgal, a cita no Recinto Feiral para presumir de cultura galega
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido |
-
A exposición 'Somos espazo' e unha unidade didáctica sobre Castelao, propostas da Deputación para Culturgal
Por Redacción |
-
Máis de 125 propostas creativas "presumirán" de Culturgal entre o 4 e o 6 de decembro
Por Cristina Saiz & Anxo Lourido |
-
O 'puntazo' de Pontevedra como "escaparate perfecto" para empresas creativas e culturais
Por Alejandro Espiño & Cristina Saiz |
-
A Deputación ofrécelle aos concellos participar no seu posto no Culturgal
Por Redacción |
-
A palabra será o principal motivo para "Presumir do Culturgal" na edición de 2015
Por Anxo Lourido |