"Continuidad de los parques", nova cita este sábado co ciclo Summum Teatro no Pazo da Cultura
Por Redacción
Tras viaxar a Cancún da man de María Barranco, o ciclo Summum Teatro proponnos este sábado 6 de xuño unha nova aventura. O Pazo da Cultura acollerá a representación de Continuidad de los parques, unha ácida e divertida obra sobre as relacións persoais que está protagonizada por Fele Martínez, Gorka Otxoa, Roberto Álvarez e Luis Zahera. A función comezará ás nove da noite.
Continuidad de los parques, dirixida por Sergio Peris-Mencheta, é unha obra na que os seus catro actores interpretan máis de 20 personaxes, que se cruzan, chocan, encontran e "desencontran" nun parque. Proponnos un xogo perverso, cómico e enganoso; un retablo de aparencias, de continuos equívocos a medio camiño entre o realismo e o absurdo. É unha obra repleta de sorpresas, áxil, desconcertante e eminentemente divertida.
A obra disecciona, a través do humor, o dilema entre a túa verdade, a miña verdade, e a verdade, e é o espectador o que finalmente elixe a súa propia aventura. O seu afán común, a través dos seus diferentes relatos, é o de sorprender, con enxeño e sentido do humor; compoñer situacións onde o desenlace imprevisto dea sentido á estrañeza inicial.
Continuidad de los parques dános unha visión distorsionada da realidade a través da mirada dalgúns dos seus personaxes. En case todas estas pezas existe unha clara dualidade entre loucura e racionalidade, unha confrontación entre o inconfundible mundo exterior observado por un personaxe e a visión modificada, dende o interior, por parte doutro personaxe.
E nese, digamos, conflito, o individuo racional e pasivo acaba entrando no xogo do antagonista, xa que é contaxiado ou conducido cara ao desequilibrio, o paroxismo ou o pracer que lle procura esa nova visión da realidade.
As entradas para esta obra pódense comprar, a un prezo de 14 euros, en www.ataquilla.com. En caso de que non se esgoten de forma anticipada, estarán dispoñibles na billeteira do Pazo da Cultura dende dúas horas antes da función.
Ademáis, o Pazo da Cultura mantén activo o sorteo de dúas entradas para ver Continuidad de los parques. Para participar hai que visitar o perfil de Facebook do organismo. O prazo pecha o xoves 4 de xuño ás 23.59 horas.
Relacionadas:
-
Fele Martínez: "Asegúrovos que, en teatro, non víchedes xamais algo como Continuidad de los parques"
Por Alejandro Espiño |
-
Cambiarías ao teu marido polo da túa mellor amiga?
Por Diego Torrado |
-
O público do Pazo da Cultura réndese ante o humor mafioso dos 'Gagfather' de Yllana
Por Diego Torrado & Anxo Lourido |
-
"En el estanque dorado" reprogramado por mor dun accidente doméstico sufrido polo actor Héctor Alterio
Por Redacción |