Fele Martínez: "Asegúrovos que, en teatro, non víchedes xamais algo como Continuidad de los parques"
Por Alejandro Espiño
Vímolo por primeira vez en Tesis, a ópera prima de Alejandro Aménabar. Con esa película, Fele Martínez (Alacante, 1975), que tiña entón só 21 anos, gañou o Goya ao mellor actor revelación. Comezaba entón unha meteórica carreira que o levou a traballar cos principais directores do cine español, protagonizar varias series de televisión e formar parte do elenco de grandes producións teatrais.
Con esta última faceta chega agora a Pontevedra. Visita a cidade por primeira vez como protagonista de Continuidad de los parques, a terceira obra das catro que forman o ciclo Summum Teatro que impulsa o Pazo da Cultura. Xunto a el, Roberto Álvarez, Gorka Otxoa e o galego Luis Zahera tamén subirán ao escenario este sábado 6 de xuño, a partir das 21.00 horas. "Non deixaremos indiferente a ninguén e pasaremos un bo rato", adianta.
O primeiro, que se van encontrar os espectadores que vos vaian ver este sábado?
Continuidad de los parques son varias historias, varias pezas que tratan sobre encontros e desencontros que se dan entre varios personaxes nun parque calquera. O parque é como ese punto de desconexión que utiliza o urbanita para fuxir do asfalto e, neste caso, a escenografía é moi sinxela: un banco, un farol e unha proxección dun parque. Trátase de ver como dúas persoas descoñecidas se encontran nese banco e que é o que xorde de aí.
E todo con moito humor.
Con moitísimo humor. Ten tamén trazas do concepto do absurdo. Ademais, son pezas que cada unha delas esconde sempre unha sorpresa final. É bastante completiña e moi divertida, a verdade.
O feito de que a acción transcorra ao redor dun banco nun parque imaxínome que abre unhas posibilidades infinitas a nivel creativo...
A verdade é que si, porque o banco é a escusa. Despois é a historia a que adquire importancia, saber o que lles pasa aos personaxes. É verdade que todo está enmarcado nun sitio que aparentemente ofrece poucas posibilidades, pero temos ensaiado e traballado moito para que non sexa así.
Cada un dos actores interpreta cinco personaxes completamente diferentes. Terá sido un reto para vós, non?
Foi un reto absoluto, pero foi moi divertido. Iso obrígate a darlle ao coco para tratar de diferenciar ben os personaxes, que cada un deles teña un perfil concreto e ningún teña que ver co outro. Ao principio era un pouco lío porque, cando estabamos a ensaiar, non te acordabas cal che tocaba (ri). Agora xa sae todo rodado e é algo que eu persoalmente gozo un montón.
"Parece que dous personaxes que se encontran nun parque vai ser algo aburrido, pero non. O que xorde dese encontro é marabilloso e, sobre todo, inesperado"
E sen desvelar nada da trama, hai algún dos teus personaxes que che guste máis?
Eu creo que despois dun ano coa función están xa todos bastante redondiños, pero téñolle moito cariño ao personaxe que interpreto en Luz Verde, a última peza. Pero tamén está Carlitos, que é co que abro. Teño con el unha relación amor-odio. Foi o que máis me custou sacar, pero tamén o que máis alegrías me deu.
Nunha obra como esta, é importante a química entre os actores?
Absolutamente. Empezamos esta viaxe sendo compañeiros de traballo e de sufrimento e creamos unha piña. Somos un equipo marabilloso. É unha gozada ter que saír a actuar ou cando nos imos de bolo. Pasámolo bastante ben.
A recepción do público, segundo as crónicas que se publicaron, está a ser boa. Estades contentos?
Por suposto. A xente pásao en grande porque o texto é inesperado. A priori, todo parece bastante sinxelo, pero é unha función de teatro que, a pesar de que é unha comedia, ten bastante subtexto. Parece que dous personaxes que se encontran nun parque vai ser algo aburrido, pero non. O que xorde dese encontro é marabilloso e, sobre todo, inesperado.
Será porque nestes momentos necesitamos rir?
Eu son moi pro-risa, aposto moito polo bo humor. Encántame rir e creo que a ninguén lle amarga un doce. Non creo que haxa ninguén que non lle guste rirse, que non goce co humor, o sorriso ou a sorpresa. É moi terapéutico e a función está chea dese tipo de cousas.
Axuda que, ao representar escenas cotiás, a xente se poida ver representada?
Hai algunhas nas que te podes sentir identificado, outras sorpréndenche, outras recórdanche a alguén... Nese sentido, un pouco si. Pero tamén se dan situacións máis absurdas. Eu sobre todo recomendo que a xente se sente na súa butaca e se deixe levar. Que viaxe connosco a través destas cinco pezas e desfrute destes vinte personaxes. Seguro que non lles van deixar indiferentes e van pasar un bo rato.
Diríxevos Sergio Peris-Mencheta, como foi traballar con el?
É un tipo ao que lle gusta xogar e, neste caso, deunos moita liberdade. Antes de empezar os ensaios, fixemos un taller de clown para coñecernos todos e aí empezou o xogo. Foi unha experiencia marabillosa. Coñecíao como actor, pero para min foi un descubrimento como director. Foi unha escola, a verdade. Eu repetiría con el cos ollos pechados.
"As institucións non axudan á cultura. Estamos orfos nese sentido (...) e o sablazo tan horroroso do IVE provocou que un montón de pequenas compañías non puidesen subsistir"
Cres que é un bo momento para o teatro?
Eu levo 20 anos nesta profesión e sempre escoitei que hai crise tanto no cine coma no teatro. E as institucións non axudan. Estamos orfos nese sentido. A iso hai que sumar o sablazo tan horroroso do IVE cultural que provocou que un montón de pequenas compañías non puidesen subsistir. Tamén nos fixo moito dano que os teatros públicos tarden tanto en pagarche o soldo que pactaches e que estaba negociado.
Pero en cambio dá a sensación que hai moita actividade no sector...
Porque aumentou o enxeño e o feito de que agora mesmo todo se fai con moita máis paixón. Non van a poder connosco. Hai moita xente movéndose, moita xente creando, facendo teatro... E eu creo que iso se nota. E a xente responde. O público vén ao teatro con moita ilusión e moitas ganas. Comprar unha entrada é case un artigo de luxo, pero a xente está a responder ben. A min persoalmente emocióname que veñan e me obriga a dar o 100% cada vez que saio a escena
2015, ademais, é bo ano para ti. Verémoste en teatro, cine e televisión.
Non me podo queixar. Estou feliz porque estou a traballar bastante. En breve estréase Rabia unha nova serie de televisión para Mediaset, rodei varias películas e, agora que acabamos con Continuidad de los parques, voume sumar a un proxecto que dirixe Daniel Veronese xunto a Gorka Otxoa. Empezaremos a ensaiar a mediados de xullo. Vai saíndo traballo e mentres sexa así eu estou contento.
E xa para rematar. Como animarías os pontevedreses para que acudan ao Pazo da Cultura a veros?
Estou seguro de que non viron xamais nada como Continuidad de los parques. Hai xente que nos dixo cando saímos a saudar que faltan máis actores (ri). Garanto que gargalladas lles imos arrancar. Estivemos en máis de cincuenta cidades e, ao rematar a función, a xente volveuse tola aplaudindo porque pasárono moi ben. Creo que deberían ir a vela por iso, é unha loucura marabillosa. En serio van perder iso?
Relacionadas:
-
'Continuidad de los parques' remata a súa xira divertindo o público pontevedrés
Por Diego Torrado & Anxo Lourido |
-
"Continuidad de los parques", nova cita este sábado co ciclo Summum Teatro no Pazo da Cultura
Por Redacción |
-
Cambiarías ao teu marido polo da túa mellor amiga?
Por Diego Torrado |
-
O público do Pazo da Cultura réndese ante o humor mafioso dos 'Gagfather' de Yllana
Por Diego Torrado & Anxo Lourido |