Doce estudantes de Belas Artes participan na exposición 'Camiño. A Orixe' con once intervencións no Gaiás
Por Redacción
Cadros de Durero ou Murillo e obxectos do valor histórico dun gallardete da Batalla de Lepanto conviven desde o pasado venres na Cidade da Cultura coas creacións saídas das aulas de Belas Artes.
Doce estudantes da facultade propoñen, ao longo de todo o recinto, un achegamento á ruta xacobea desde a óptica da arte contemporánea no marco da exposición Camiño. A Orixe, unha mostra centrada nos inicios da peregrinación a Santiago que reúne no museo do Gaiás 150 obras de arte e pezas históricas.
Establecer un diálogo entre aquela Compostela medieval e a Cidade da Cultura, así como achegar a visión do camiño das novas xeracións de artistas, é o propósito de Lugares Xacobeos, o proxecto co que Belas Artes participa nesta "macroexposición".
Así a define o ata este luns decano da facultade, Juan Carlos Meana, que coordinou, xunto coa nova decana electa, Silvia García, un proxecto que supón "unha grande oportunidade para a facultade, no ano do seu 25 aniversario ademais, xa que dános unha visibilidade difícil de obter".
Manuel Mata, Vanessa Mosquera, Yolanda Ríos, Gonzalo Rey, Román Corbato, Nerea Lores, Lara Abeledo, Diego Germade, Xisela Franco, Ángela Rodríguez, Manuela Elisabeth Rodríguez e José Manuel Vidal son os doce protagonistas de Lugares Xacobeos, a proposta coa que a arte contemporánea se achega a unha exposición comisariada por María García-Alén, que reúne obras cedidas polo Museo do Prado, a Galería Uffizi de Florencia ou o Museo Cluny francés.
Unha exposición que se poderá ver no Gaiás ata o 13 de setembro e que estes estudantes de máster e doutoramento coinciden en sinalar como unha grande oportunidade.