Festa e arte únense no San Ero
Por Daniel Santomé
Neste 2015, a Universidade de Vigo e a Facultade de Belas Artes cumpren 25 anos. Un aniversario que serviu como aliciente tanto á Delegación de Alumnado como á comisión de estudantes que se encargou dos actos que nesta xornada se desenvolven no centro co gallo do día do patrón, coa idea de que o San Ero 2015 fose máis que unha celebración.
Deste xeito, á romaría ou ás actuacións musicais desta xornada sumáronse outra serie de propostas dirixidas a amosar o talento que se forma nas aulas de Belas Artes, como a exposición conmemorativa que desde o luns se pode ver na Casa das Campás, e que reúne as creacións de 22 alumnos.
"Este 25 aniversario coincidiu cun cambio na delegación e pensamos que sería unha boa ocasión para abrir as actividades da festa a Pontevedra, para amosar un pouco o que facemos no centro, para abrirnos máis a nosa contorna", apunta Blanca Lourés, representante da comisión integrada por 14 estudantes que, baixo a coordinación da Delegación de Alumnado, encargouse de organizar unha celebración que este mércores vive o seu día grande.
"Hoxe é un día máis de festa, pero quixemos que nesta semana houbera outra serie de actividades máis en clave cultural", apunta esta representante da organización.
Chegados xa ao propio día do patrón, as actividades adquiren un ton máis lúdico e a organización dunha serie de xogos e dun mercadiño de produtos artesanais, obxectos de segunda mano e creacións artísticas abriron esta mañá unha festa que ao mediodía continuou coa súa habitual romaría.
Foi entón cando os organizadores procederon a sacar ao seu "santo" en procesión polas rúas da cidade, unha figura creada polo propio alumnado e que, "para ir acorde co aniversario, este ano leva unha tarta por cabeza", como explica Lourés.
As diferentes actuacións musicais que se desenvolveron desde as 11.00 horas, novos xogos e a actuación de varios DJ completaron ao longo da tarde unha xornada de celebración que, como apuntan deste a organización, "sirve un pouco para promocionarnos, pero tamén para reunirnos e gozar dunha xornada de compañeirismo".
Relacionadas:
-
Belas Artes despide o curso cun mercado de venda de obras e cun concurso co Hospital de Vigo
Por Cristina Saiz |
-
Ao mal tempo boa Kata
Por Oskar Viéitez & Daniel Santomé |
-
A arte mestúrase cos cidadáns na Ferrería
Por Redacción |
-
Doce estudantes de Belas Artes participan na exposición 'Camiño. A Orixe' con once intervencións no Gaiás
Por Redacción |
-
Belas Artes e a ONCE colaboran na creación de obras adaptadas para persoas invidentes
Por Redacción |
-
O patrón de Belas Artes sae en procesión
Por Redacción |