Seis artistas amosarán ao público o seu proceso creativo e interactuarán con eles na Ferrería
Por Alejandro Espiño
Achegar o proceso creativo dos artistas aos cidadáns. ÿ o obxectivo dunha iniciativa denominada Artistas na rúa, presentada este xoves no Concello de Pontevedra. Seis artistas de diferentes disciplinas traballarán diante do público os próximos días 11 e 12 de abril. Será na Praza da Ferrería e estará coordinada por María Rey.
A idea é mostrar unha tarde de traballo con tres artistas cada un dos días, para que a xente poida ver como é o proceso de creación. Trátase dunha xornada de "portas abertas" cara á arte, segundo a súa coordinadora.
A selección dos artistas participantes será mediante unha convocatoria pública. Os interesados terán que enviar a súa solicitude a mreventosculturais@gmail.com antes do 19 de marzo e presentar, entre outra documentación, unha proposta concreta e descritiva do que queren facer ese día na rúa.
Os requisitos son que sexan artistas visuais (plástico, audiovisual, perfomance...), ser artista local e maior de idade, ter unha proposta concreta para ese día, que interactúen co espectador no proceso creativo, que teña atractivo visual e que fomente a proximidade co público e a naturalización do proceso de traballo.
Os participantes serán escollidos por unha comisión formada por membros do profesorado de Belas Artes e pola organización do evento, a empresa MR eventos culturais.