'Artistas na rúa' ou como achegar a arte aos cidadáns, esta fin de semana na Ferrería
Por Alejandro Espiño
A praza da Ferrería converterase esta fin de semana nun espazo de intervención artística. Nela desenvolverase unha iniciativa denominada Artistas na rúa, na que seis mozos creadores de diferentes disciplinas mostrarán o seu proceso de traballo "rompendo cos mitos establecidos e acurtando distancias entre artistas e cidadáns", xa que entre outras cuestións tamén interactuarán co público.
Artistas na rúa celebrarase os días 11 e 12 de abril, entre as 16.00 e as 19.00 horas.
As seis propostas elixidas pola organización son as seguintes:
SÁBADO 11
- Elena Bello e Belén Andrés, estudantes de Belas Artes, apostarán por crear un tear a grande escala. Cada espectador collerá un nobelo de la e comezará a crear direccións xogando coas árbores da praza, entrecruzando as diferentes cores e dando como resultado unha composición abstracta tridimensional.
- O'Ras será o encargado de trasladar a arte do graffitti a esta emblemática praza. Tratará de introducir os espectadores no proceso creativo dos murais. Ao non haber espazo para poder facelo, instalaranse lenzos nos que irán traballando aqueles que se animen e que serán finalizados por este artista coruñés.
- Azalea Santiago é unha fotógrafa que interactuarán co público usando o obturador da súa cámara para dar movemento ás súas fotos. O resultado deste traballo imprimirase e colgarase nun tendal na praza. Os protagonistas desas fotos poderá levalas á casa como recordo desta xornada de traballo.
DOMINGO 12
- Alba Fernández Troiteiro propoñerá unha intervención artística sobre unha tea horizontal mediante técnicas mixtas: serigrafía, pintura e a colaboración do público con comida para paxaros.
- Alba Branco e María Roja serán as protagonistas dunha serie de perfomances baseadas na improvisación. Alterarán o espazo urbano e o tránsito dos espectadores para convertelo nun ámbito de creación colectiva.
- Adrián Penido, por último, é un artista especializado en traballar con materiais de reciclaxe que creará unha especie de refuxio con elementos desbotables. O público poderá participar colaborando na busca dos devanditos materiais. Ademais, será un labor pedagóxico que busca concienciar acerca da cantidade de lixo que xeramos diariamente.
O obxectivo de todos estes artistas, que foron seleccionados tras unha convocatoria pública, é achegar a arte á cidadanía e que todos aqueles que se animen a participar "vexan como traballa un artista", segundo o concelleiro de Xuventude, Demetrio Gómez.