'Llenazo' de Antonio Orozco
Por Redacción
Noite de sábado, no medio dunha Ponte, bo tempo e Antonio Orozco. A mestura de todos os ingredientes deu como resultado un 'llenazo' na praza de España. O propio cantante resaltouno na súa conta de Twitter e todas as persoas que acudiron ao centro neurálxico das festas na Alameda e Monteiro Ríos puideron comprobalo, pois o público do concerto se prolongaba máis alá da praza, ata as rúas Riestra e Michelena.
"Llenazo en #pontevedra fluye la energía!!", ccontaba tras o concerto o cantante, de orixe catalá e con 14 anos sobre o escenario, na súa conta na famosa rede social. Era un dos grandes do cartel e as cifras de asistencia non defraudaron, pois nos últimos tempos duplicou a súa fama nos últimos tempos grazas á súa participación como 'coach' no programa televisivo 'La Voz'.
Contaxiou co seu ritmo a todos os asistentes, que pasada unha hora de concerto, ás 23.30, chegaron a pensar que estaba a entrar na recta final despois da apoteose do seu tema 'Ser o non ser'. O cantante descansou uns minutos e, xa antes de darlle tempo a volver situarse ante o micrófono, empezaron a pedirlle "outra, outra". Non era a súa intención irse, regresou con temas do seu último disco e dos sete que acumula dende o ano 2000 e a festa aínda prolongouse ata a media noite.
Antonio Orozco chegou a Pontevedra para presentar o seu sétimo disco, Dos orillas, co que logrou ser Disco de Ouro en 24 horas e Disco de Platino en dúas semanas. As influencias electrónicas deste traballo fusionáronse na praza de España co inconfundible pop da maioría das súas cancións.
Este domingo os días centrais das Festas da Peregrina chegan ao seu fin cun programa de actos que, pola mañá e a primeira hora da tarde, encherá a rúa de música coas charangas Apeles, Os de Mourente e Gaiteiros das Rías Baixas. Pola tarde (19.30 horas) haberá teatro infantil da man de 'Seisdedos Títeres' na praza do Teucro e pola noite chegarán o concerto de Sés á Ferrería (21.00 horas) e El Consorcio á praza de España (22.30 horas).