O éxito de público deixa ás Festas da Peregrina sen cobertura telefónica
Por Anxo Lourido
Este luns conclúen as Festas da Peregrina coa xornada dedicada aos nenos con prezos reducidos para os máis pequenos nas atraccións situadas no ámbito da Alameda. Un ano máis, a concelleira de Festas, Carme da Silva, avaliou moi positivamente o desenvolvemento destes días de actividades festivas destacando a numerosa presenza de persoas na rúa e a falta de incidentes durante estas xornadas.
Segundo a concelleira durante estas festas máis de 70 empresas realizaron actividades con máis de 100 contratos asinados, na maioría dos casos trátase de entidades galegas e do ámbito de Pontevedra. Carme da Silva destacou a actuación da Policía Local, Bombeiros e Protección Civil ao longo destes días e, neste sentido, sinalou que os corpos de seguridade detectaran novos problemas de cobertura telefónica ante a presenza de tantas persoas na cidade.
Unha situación similar xerárase durante a Feira Franca de 2013 con fallos en á rede móbil á hora de intentar facer chamadas, enviar whatsapp ou subir fotografías a algunha rede social. Por este motivo, a concelleira anunciou que intentarán encontrar unha solución que de cara á Feira Franca poida evitar este colapso nas redes telefónicas de dispositivos móbiles.
A responsable das Festas alertou de que "aínda queda moita festa" en Pontevedra xa que ademais da Feira Franca a primeira fin de semana de setembro, quedan outras celebracións estivais como a Festa do Demo e Brinca na Praza, que se desenvolverán nas próximas semanas.
Este luns 18 ás 21.00 horas está previsto que se celebre o concerto da Roda na Praza da Ferrería aprazado a semana pasada pola presenza de chuvia. Nesta ocasión, a agrupación folclórica non poderá ofrecer o concerto en compañía da Banda de Música de Pontevedra como estaba previsto inicialmente. Os compromisos adquiridos pola Banda de Música para esta data impiden que poidan ofrecer este esperado recital conxunto.