Regresa o mellor Luis Emilio Batallán
Por Redacción
"Había que chegar, había que chegar pra ser ", escribiu a poetisa de Noia, María Mariño, nun poema que fai seu Luis Emilio Batallán para darlle nome ao seu novo traballo discográfico que ven de publicar a Editorial Galaxia.
O disco ven acompañado dun DVD que recolle un concerto en directo no Teatro Principal de Santiago de Compostela de 2013 e unha conversa co escritor e editor Víctor F. Freixanes. Ademáis dun pequeno texto do músico e escritor Vicente Araguas e un epílogo de Pablo Milanés, un dos produtores do disco.
Un libro-disco-DVD que nos pon de novo en contacto co autor de "Quen puidera namorala".
Luis Emilio Batallán naceu en Santiago no ano 1948 e entrou na música galega coa publicación, no ano 1975, dun disco mítico como é Aí vén o maio, no que musicaba poemas de Curros Enríquez, Celso Emilio Ferreiro, Ramón Cabanillas, Rosalía de Castro ou Álvaro Cunqueiro. Probablemente, é o disco máis vendido da historia da música galega. Entre os seus traballos destacan outros como Ballet da nena, con letras propias e nos que incorpora a poetas como Uxío Novoneyra, Manuel Antonio ou Xosé Neira Vilas.