O Albariño reúne a Café Quijano, Edurne, Kiko Veneno, Iván Ferreiro, Delafé y Las Flores Azules e Juan Magán
Por Redacción
O ciclo Vinéfilos, que exhibe producións nacionais combinando cine, gastronomía e enoloxía é unha das grandes novidades do programa da LXII Festa do Albariño, que presentou este xoves o alcalde, Luis Aragunde. Os afeccionados poderán gozar da longametraxe "18 Comidas" do galego Jorge Coira, así como dos documentais "Dieta Mediterránea" da catalá Carmen Ruscalleda, e "Mugaritz BSO" dos vascos Andoni Aduriz, Juantxo Sardón e Felipe Ugarte.
Este ciclo comeza o luns 14, ás 21 horas, no museo do Viño, co filme "18 Comidas", e en cada sesión contará cunha introdución por parte de Xoán de Vilaxoán, da produtora arousana Mr. Misto, así como cunha copa de albariño, xentileza da Denominación de Orígen Rías Baixas, que colabora con este evento para amenizar a reunión vinéfila.
Esta parte sobresaínte do programa albariñense intégrase no proxecto "Música con Denominación de Orixe", impulsado e financiado polo Ministerio de Cultura. Cambados promove esta iniciativa musical, apostando por un programa diverso, variado e integrador, para todos os públicos. Nesta primeira edición súmase o concello de Peñafiel (Valladolid), capital da D.O. Ribera del Duero, reforzando os vínculos entre Galicia e Castela León.
O programa musical da 62 edición da Festa do Albariño inclúe ao grupo leonés Café Quijano que, xunto coa cantante Edurne, protagonizan a Gala do Albariño o 31 de xullo. Kiko Veneno, Iván Ferreiro, o grupo indie Delafé y Las Flores Azules e o tecno latino de Juan Magán tamén poñerán a súa potente proposta musical ao servizo da causa albariñense. Nos próximos días daranse a coñecer os nomes das damas e cabaleiros que nesta edición se sumarán ao elenco do Capítulo Serenísimo.
ACHEGAMENTO A XAPÿN
O alcalde anunciou varios concertos protagonizados por intérpretes xaponesas, xa que se pretende estreitar lazos no ano dual Xapón-España, posto que a Rías Baixas lle interesa seguir abrindo vias de comercialización no mercado nipón. Haberá dous concertos musicais: un da pianista Kawakami durante o acto de investidura de doas e cabaleiros albariñenses, o domingo 3 de agosto, e outro da pianista Rita Nishakawa e da soprano Miho Haga (6 de agosto), que versionan poemas de Ramón Cabanillas traducidos ao xaponés polo profesor Takekazu, un apaixonado do poeta cambadés. O terceiro concerto de marcado acento oriental será o protagonizado polo virtuoso do piano Ernest So, de orígen chinés, que tamén ofrecerá un máster class a alumnos do conservatorio o 29 de xullo.
Cambados acollerá outro acto novidoso, como é a firma da adhesión da vila á Asociación Internacional Wine in Moderation, o 28 de xullo. Ademais, repetiranse eventos destacables como a segunda edición da Feira Ecológical Galicia, do 8 ao 10 de agosto, a Feira de Oportunidades (15 ao 17 de agosto) e a VII Feira de Artesanía (do 22 ao 24 de agosto).
Entre as actividades culturais cabe resaltar a exposición "O Francisco Asorey descoñecido", que se inaugurou o 2 de xullo, ademais do Festival Proxecta de fotografía internacional que este ano presenta unha mostra e un obradoiro do fotoxornalista Orlando Azevedo, baixo a coordinación de José Luiz Oubiña. Tamén se organizan dúas exposicións relacionadas co viño: "Miradas sobre o Viño" de reporteiros gráficos do Salnés, e "A Festa do Albariño" vista polo fotógrafo Manolo Blanco.
Outro acontecemento relacionado coa festa será o irmandamento do Capitulo Serenísimo cunha confraría portuguesa, a xeito de unión entre o mellor viño branco e unha das penas emblemáticas da enogastronomía lusa.
As citas fundamentais na programación oficial son as que teñen relación directa co albariño, como o Túnel Profesional del Vino, que se celebra dende o venres 1 ata o domingo 3 de agosto, ou as xornadas técnicas no museo do Viño. O sábado día 2 e o domingo 3 celébranse as catas prima e definitiva dos premios aos mellores Rías Baixas da anada. O mesmo domingo a mediodía parte o desfile de confrarías con final no patio de armas do pazo de Fefiñáns, onde se proclama as novas damas e cabaleiros do Capítulo Serenísimo do Albariño.
O CARTAZ DE MARTINA MISER
Luis Aragunde presentou o programa da festa acompañado polo reporteiro gráfico Martina Miser, autora do cartel promocional desta edición, o cal explicou brevemente as características dunha foto que reflicte dúas copas de viño Rías Baixas e dentro un plano invertido do pazo de Fefiñáns, simbolizando a simbiose do sector vitivinícola co conxunto histórico cambadés.