Arrancan en Cambados os días grandes dos albariñenses
Por Redacción
Creada e actualizada
Creada e actualizada
Xa abriron ao público as 42 casetas instaladas no paseo da Calzada de Cambados para ofrecer ata 66 viños diferentes da Denominación de Orixe Rías Baixas, marcando así o arranque da edición número 62 da Festa do Albariño.
A conselleira de Medio Rural e do Mar, Rosa Quintana, acudiu este mércores ao brinde oficial das autoridades que marca o inicio da programación das festas. No acto estivo acompañada, entre outros, polo alcalde de Cambados, Luis Aragunde; o delegado territorial da Xunta, José Manuel Cores Tourís; ou o presidente do consello regulador da D.O. Rías Baixas, Juan Gil de Araújo.
Todos eles sinalaron o seu apoio decidido a esta emblemática festa que leva seis décadas promovendo e impulsando un sector vitivinícola do que viven, recordaron, máis de 5.000 familias en todo o Salnés. Tamén amosaron a súa satisfacción por poñer en marcha esta multitudinaria exaltación, "o mellor escaparate da denominación de orixe Rías Baixas, un sector que goza de boa saúde, e que hoxe exporta a súa producción ós cinco continentes".
O brinde albariñense inaugural realizouse esta vez na caseta de Condes de Albarei. Tras el, realizouse o tradicional percorrido polo recinto feiral do paseo da Calzada, xunto cun público máis numeroso que o habitual nun primeiro día, que se detiña ante as casetas para as primeiras degustacións dos caldos pontevedreses. Tamén as peñas máis madrugadoras, que xa gozaron dos albores da festa.
Na festa están representadas 44 adegas, maioritariamente pertencentes á comarca do Salnés, pero tamén a outras subzonas da denominación. Na Calzada pódense saborear ata o próximo domingo os mellores caldos da excelente colleita do 2013.
O prezo mínimo da botella será de 8 euros, pero cada adega é libre de ofrecer elaboracións especiais nos que podería incrementar os prezos. Por un vaso de albariño pagarase 1,5 euros e por un cataviños 2 euros. A organización anima a degustar o viño dun xeito responsable, sen esquecer a esmorga e o bo humor que caracterizan á máis grande das celebracións vitivinícolas de España.
O ALBARIÿO, PROTAGONISTA ATA O DOMINGO
A apertura das casetas do Paseo da Calzada é a primeira da longa lista de actividades que terán ao viño como referencia.
Para esta noite (23.00 horas na praza de Fefiñáns) está previsto o primeiro concerto do Albariño coa actuación do galego Iván Ferreiro, xunto co grupo Delafé y las Flores Azules. Para mañá haberá outra cita musical de renome, dentro da XVII Gala do Albariño que se celebra na praza de Fefiñáns (22.30), na que actuarán o grupo leonés Café Quijano e a cantante Edurne. Durante esta gala tamén se entregan os premios que concede o Concello, nos distintos eidos social, cultural, comunicación, deportivo e empresarial, que consisten nunha Folla de Prata con uva Albariña de Ouro inserida. Kiko Veneno e Juan Magán serán outras das apostas musicais da festa.
Outra novidade salientable desta edición será o irmanamento do Capítulo Serenísimo coa Confraría do Vinho de Carcabelos, municipio de Oeiras (Portugal), o sábado ás 13.15 horas no pazo de Torrado, para selar a unión entre estas dúas confrarías. Ou a inauguración do Túnel do Viño, prevista para este xoves, no que participan 56 adegas e 126 marcas de albariño. Unha das grandes novidades desta edición é a posta en marcha das catas temáticas, que permitirán profundizar no coñecemento de 12 bodegas a través de trece sesións maxistrais dirixidas por enólogos da denominación Rías Baixas.
O día grande da festa celébrase o vindeiro domingo, día 3, cando se procede á investidura dos novos cabaleiros e donasdo Capítulo Serenísimo do Albariño, ás 13,45 horas no patio de armas do pazo de Fefiñáns, un acto presentado pola televisiva Patricia Rodríguez. A continuación celebraráse o Xantar Albariñense no pazo de Torrado, coa lectura do pregón aos postres polo embaixador de Xapón, Satoru Satoh. Finalmente, procederáse á entrega de premios aos mellores viños da última colleita.
A gran expectación xerada en torno á Festa do Albariño provoca a plena ocupación de prazas hoteleiras nas xornadas principais do evento. A afluencia de público sitúase nos últimos anos nunha franxa que oscila entre os 200.000 e os 230.000 visitantes na semana grande dos festexos.
Relacionadas:
-
Xapón tamén se rende ante o albariño
Por Redacción |
-
"Menos festa e máis traballo", reclama o persoal da piscina de Cambados tras tres meses sen cobrar
Por Redacción |
-
Satoru Satoh, embaixador do Xapón en España, será investido cabaleiro do Albariño
Por Redacción |
-
As mellores camisetas do Albariño repartiranse 600 euros en vales de compra
Por Redacción |
-
O Albariño reúne a Café Quijano, Edurne, Kiko Veneno, Iván Ferreiro, Delafé y Las Flores Azules e Juan Magán
Por Redacción |