Satoru Satoh, embaixador do Xapón en España, será investido cabaleiro do Albariño
Por Redacción
O embaixador de Xapón en España, Satoru Satoh, será investido cabaleiro do Capitulo Serenísimo do Albariño no acto solemne que se celebrará o próximo domingo 3 de agosto no patio de armas do pazo de Fefiñáns. Así se desvelou nunha rolda de prensa celebrada este mércores no Pazo de Torrado (Cambados). Converterase no segundo pregoeiro estranxeiro desta popular festa gastronómica.
A elección do embaixador nipón xustifícase, segundo o alcalde de Cambados, Luis Aragunde, porque Satoru Satoh é un grande amante do albariño e dos mariscos da ría e ao mesmo tempo porque o Capítulo quere estreitar lazos co país oriental xusto cando se está celebrando o Ano Dual Xapón-España, que conmemora o 400 aniversario do establecemento das primeiras relacións institucionais entre ambos os dous países.
Ademais, Francisco Conde, conselleiro de Economía, asumirá un nomeamento que declinara o ano pasado debido ao accidente do tren Alvia en Santiago. José Luis Costa Pillado, xurista cambadés e presidente do Consello Consultivo de Galicia; o histórico enólogo Jesús Requena, un dos impulsores da cultura vitivinícola no Salnés, e o adegueiro Eulogio Pomares Botana, da adega Zárate e Fillos, completan o listado dos novos cabaleiros.
Pola súa parte, a oncóloga coruñesa Marisol Soengas e a bodegueira Rosa Ruiz, de adegas Santiago Ruiz, serán proclamadas este ano como Damas do Capítulo Serenísimo.
Só queda pendente de confirmar un sexto cabaleiro, cuxo nome se dará a coñecer nas próximas horas, para completar o listado de persoas recoñecidas na 62 edición da Festa do Albariño que se inicia o próximo mércores 30 de xullo.
A táboa de cabaleiros do Capítulo Sereno reuniuse o pasado luns para decidir os nomeamentos. O secretario chanceler do Capítulo, Pedro Piñeiro, anunciou tamén a concesión das follas de prata da Orde a Celestino Pintos, da adega Ouso da Torre; Yayo Daporta, xefe de cociña do restaurante que leva o seu nome e Estrela Michelín; Emilio Ucha Duro, de adegas Pazo Pondal do Condado; Xurxo Lobato, fotógrafo, e Julián González Areal, das adegas Canónigo Areal.
O nomeamento de Albariñense de Honra este ano corresponde á Cámara de Comercio de Vilagarcía, actualmente presidida polo cambadés Miguel Falcón Noya, que está a colaborar de xeito estreito coas adegas exportadoras do sector vitivinícola da denominación Rías Baixas.
Os Xóvenes Albariñenses desta edición serán Sonia Costas, de Lagar de Costa -adegas Fontán Limeres-, Diego Álvarez Vila, de Agro Miño, de Crecente (O Condado) e David Martínez Sobral, de adega Lagar de Pedregales.
Relacionadas:
-
Arrancan en Cambados os días grandes dos albariñenses
Por Redacción | Creada e actualizada
-
As mellores camisetas do Albariño repartiranse 600 euros en vales de compra
Por Redacción |
-
O Albariño reúne a Café Quijano, Edurne, Kiko Veneno, Iván Ferreiro, Delafé y Las Flores Azules e Juan Magán
Por Redacción |