A banda deseñada marca territorio na Ferrería con BDra Gráfica
O mundo da fantasía e da diversión gráfica expándese por diferentes espazos da cidade.
BDra Gráfica, o Festival de Banda Deseñada de Pontevedra, inaugurábase este xoves 27 na carpa instalada na praza da Ferrería. Alí permanecerán os diversos postos de librerías e editoriais ata o domingo 30 en horario de 11.00 a 14.00 e de 17.00 a 22.00 horas con diversas actividades e exposicións para público de todas as idades.
Pero a banda deseñada atoparase noutros puntos da cidade con rúas nas que figuran os nomes dos autores invitados ou na Fundación Manuel Moldes onde ás 18.00 horas deste xoves inaugúrase a exposición 'Presas Fáciles', con corenta orixinais de Miguelanxo Prado, autor referencial para a ilustración en Galicia, cun recoñecemento por parte do alcalde de Pontevedra. O cuarteto Vagalume ameniza a apertura dunha mostra que permanecerá aberta ata o 20 de xullo.
Precisamente, o alcalde Miguel Anxo Fernández Lores e o promotor desta iniciativa, o ilustrador Kiko da Silva, coa presenza do concelleiro de Cultura, Demetrio Gómez, inauguraban esta segunda edición de BDra Gráfica que, por primeira vez, celebra as súas "primeiras xornadas na rúa" co obxectivo de "achegar a cidadanía á novena arte", explicaba #Da Silva.
Ao longo destes días realizaranse masterclass sobre dereitos de autoría ou sobre fisioterapia destinada a autores, pero tamén se darán cita algúns dos creadores de maior prestixio no mundo da viñeta.
Desta forma, por Pontevedra pasará Émile Bravo, o autor nado en París que revitalizou a un personaxe icónico como o mozo de hotel Spirou. A el súmanse outros artistas do nivel de Max, Bartolomeu Seguín, Keko, Fernando Llor, Aneke, Nil, Ángel de la Calle, Keko e Carlos Portela, premiados en Angouleme 2024 pola súa obra 'Contrition', ou Bea Lema, gañadora do Premio do Público Fauve d'Angoulême
Miguel Anxo Fernández Lores animaba a toda a cidadanía de Pontevedra a visitar ao longo destes días as exposicións e a carpa "onde hai moita cultura actual", mentres que Kiko da Silva incidía na importancia do cómic como unha das artes máis completas "á que só nos falta a música" lembrando que existe banda deseñada para todas as idades.
"É o máis divertido que podedes facer nun día soleado como o de hoxe", engadiu o promotor de BDra Gráfica nunha xornada inicial que reunía a numeroso público visitando os postos de venda por onde paseaba como reclamo para o público infantil e adolescente un noviño Spiderman.
Ás actividades da carpa súmanse outras propostas como a exposición na Facultade de Belas Artes, visitable ata o 20 de xullo, sobre a editorial A Cúpula, que celebra o seu 45 aniversario.
Tamén desde este 27 de xuño ata o 7 de xullo na Praza da Ferrería poderase ver os métodos persoais de traballo dos autores convidados este ano cunha mostra titulada 'Da idea ao cómic' na que se recollen os diferentes métodos de creación.
Os autores convidados tamén presentarán e asinarán exemplares das súas obras no Teatro Principal, onde se sitúa unha exposición das súas principais obras.
Tamén no Teatro Principal, o alumnado de O Garaxe Hermético ofrece unha homenaxe a Akira Toriyama, creador de personaxes míticos do manga como Songoku e Arale. Pódese visitar ata o luns 29 de xullo.
Están previstas, ademais, sesións de cinema. Este xoves 28, ás 13.00 horas, a carpa da Ferrería acolle 'Carbón', de Max.
Xa o domingo 30 de xuño, ás 17.00 horas, proxéctase 'Nicky, aprendiz de bruxa'. Ás 20.00 horas ofrecerase 'Crumb'. Os dous pases serán no Teatro Principal
BDra Gráfica 2024
Este xoves 27 inaugurábase a segunda edición de BDra Gráfica, a primeira que se desenvolve na rúa, nunha carpa situada na Praza da Ferrería
© Mónica Patxot
Relacionadas:
-
O BDra Gráfica, un dos festivais onde os autores "nos sentimos más a gusto"
Por Alejandro Espiño |
-
O festival BDra Gráfica convertirá á Boa Vila nunha cidade de cómic
Por Oskar Viéitez |
-
'Cando sopra o vento' na versión en galego preséntase no Principal
Por Mónica Patxot & Redacción |
-
BDra Gráfica encherá as rúas da cidade en xuño de figuras internacionais do cómic
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido |